Inaugúrase a exposición de pintura "Soño e presenzas, paisaxes e retratos", de Celso Varela

Notas de prensa
05/06/2022
05/06/2022
06/05/2022

Inaugúrase a exposición de pintura "Soño e presenzas, paisaxes e retratos", de Celso Varela

A Casa de Galicia inaugurou onte, xoves, 5 de maio, unha exposición retrospectiva do pintor pontevedrés, que está composta por cadros dos últimos anos da súa actividade artística, así como polas súas creacións máis recentes. Trátase dunha selección de obras moi persoal, de gran e medio formato, nas que destacan a paisaxe da súa terra, o bodegón e o retrato. Esta exposición poderá visitarse ata o 30 de maio, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.

O pintor de Briallos estivo acompañado polo vicesecretario de Presidencia da Xunta de Galicia, Jesús Navazo, que deu a benvida á Casa de Galicia aos asistentes ao acto en nome da Xunta de Galicia, e presentou a Celso Varela, destacando a súa amplísima traxectoria artística, toda ela caracterizada por un estilo moi persoal e a súa gran dedicación á pintura, expoñendo non só en Galicia senón tamén en Roma ou en París.

Seguidamente, tomou a palabra Celso Varela que manifestou a súa gran paixón pola pintura, unha afección que naceu sendo neno e que foi evolucionando ao longo dos anos, converténdose na súa forma de vida. Definiu o seu estilo artístico como persoal, deixándose guiar polo que sente en cada momento; alleo ás modas e ás críticas, a pesar de sentirse influído por diferentes correntes artísticas como a arte abstracta, conceptual ou figurativo.

Terminada a presentación, o artista realizou un percorrido polas dúas salas onde está exposta a súa obra, explicando aos asistentes aspectos significativos de cada un dos seus cadros.
 

06 Maio 2022
Notas de prensa
Imaxes