Inaugúrase a exposición "Vía Láctea, guía de peregrinos a Galicia” e preséntase o "XII Congreso Internacional de Asociacións Xacobeas"

Notas de prensa
10/06/2021
10/06/2021
06/10/2021

Inaugúrase a exposición "Vía Láctea, guía de peregrinos a Galicia” e preséntase o "XII Congreso Internacional de Asociacións Xacobeas"

Onte, 5 de outubro de 2021, martes, a Casa de Galicia en Madrid, sede da Delegación da Xunta na capital de España, acolleu sucesivamente dous actos relacionados co Camiño de Santiago, protagonista indiscutible deste ano Santo Xacobeo, estendido ao 2022.

O primeiro consistiu na inauguración da exposición titulada “VÍA LÁCTEA, GUÍA DE PEREGRINOS A GALICIA”, de Lúdica7. Unha mostra integrada por unha selección de 25 imaxes dun total de 100, todas elas espectaculares, do ceo nocturno e da Vía Láctea, tomadas en lugares emblemáticos de Galicia, cuxa autoría corresponde a Daniel Llamas e Daniel Lois, e que veñen acompañadas duns magníficos textos explicativos de María Vitoria Veguín Casas, autora de libros como Matemáticas e Camiño de Santiago ou A Vía Láctea. Camiño de deuses, almas e peregrinos (Camiño de Santiago). “María Vitoria é ben coñecida nesta Casa, pois nela realizou varias presentacións, e sentimos que hoxe non puidese acompañarnos”, dixo nas súas palabras de benvida aos asistentes o coordinador de actividades da Delegación, Ramón Jiménez, quen engadiu que “esta exposición é unha beleza de luminosidades envolventes”, para a continuación ceder a palabra a Jorge Martínez-Cava, presidente da Asociación de Amigos dos Camiños de Santiago de Madrid, quen enseguida convidou a Alfonso Freire Benito, director editorial da empresa Lúdica Libros, promotora do proxecto, a expoñelo brevemente.  


A continuación procedeuse á presentación á prensa do XII Congreso Internacional de Asociacións Xacobeas, a celebrarse en Madrid os días 21, 22 e 23 do presente mes de outubro. Nesta ocasión, Jorge Martínez-Cava, presidente deste XII Congreso, estivo acompañado na mesa por Luis Gutiérrez Perrino, presidente da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago; e por José María Ballester, exdirector xeral de Cultura, Patrimonio Cultural e Natural do Consello de Europa, quen falou sobre a importancia do asociacionismo xacobeo e os Camiños de Santiago en Europa.

06 Outubro 2021
Notas de prensa
Imaxes