José Ramón Ónega, nomeado socio de honra da Xuntanza de Galegos en Alcobendas

Notas de prensa
12/11/2010
12/11/2010
11/12/2010

José Ramón Ónega, nomeado socio de honra da Xuntanza de Galegos en Alcobendas

O presidente da entidade entregou ao delegado da Xunta en Madrid o diploma acreditativo e a Insignia de Ouro da Xuntanza

O delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, foi nomeado hoxe Socio de Honra da Xuntaza de Galegos en Alcobendas, nun acto celebrado na localidade madrileña na que está radicada a entidade, que preside Ovidio Cadenas e reúne 1.350 socios, dos que o 60 por cento son galegos residentes en Alcobendas e o 40 por cento simpatizantes do galego.

Madrid, 11 de decembro de 2010. O delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, foi nomeado hoxe Socio de Honra da Xuntaza de Galegos en Alcobendas, nun acto celebrado na localidade madrileña na que está radicada a entidade, que preside Ovidio Cadenas e reúne 1.350 socios, dos que o 60 por cento son galegos residentes en Alcobendas e o 40 por cento simpatizantes do galego.

O nomeamento tivo lugar nun multitudinario acto de irmandade ao que asistiron ao redor de 350 persoas, reunidas con ocasión das celebracións do Nadal. Cadenas, acompañado polo vicepresidente da Xuntanza, Fernando Gómez, e outros membros da súa Directiva, entregou a Ónega o diploma que o acredita como Socio de Honra e a Insignia de Ouro da Xuntanza, máximo galardón da entidade.

O presidente da Xuntanza resaltou a relación do delegado da Xunta con esta entidade, así como co resto das entidades galegas en Madrid. "Este nomeamento é realmente unha honra para nós porque Ónega é un home que colabora moito coas entidades galegas en Madrid", explicou.

Pola súa banda, Ónega agradeceu a distinción que recibiu e fixo referencia á colaboración da Xuntanza con diversos actos celebrados na Casa de Galicia, onde, dixo, "en varias ocasións tivemos a honra de escoitar á ave cantora que é a gaita adestrada polos mestres músicos desta asociación".

Tamén agradeceu a boa disposición do resto de organizacións galegas en Madrid para colaborar coa Casa de Galicia e expresou a súa satisfacción co contacto permanente que mantén con elas, recordando, ademais, que tamén para o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, as entidades galegas en Madrid constitúen unha prioridade, como demostrou reuníndose con todas elas en canto tivo ocasión.

A Xuntanza de Galegos en Alcobendas foi fundada en 1990 e dende 1991 está presidida por Ovidio Cadenas, que tamén é presidente da Federación de Asociacións Galegas en Madrid e vogal da Federación de Casas Rexionais. A entidade deixou pegada na súa localidade, onde existe un Parque de Galicia no que, entre outras cousas, pode gozarse dun fermoso cruceiro.

11 Decembro 2010
Notas de prensa
Imaxes