Mesa Redonda “GALICIA-MADRID NA VIDA E NA OBRA DE EMILIA PARDO BAZÁN"

Notas de prensa
04/30/2021
04/30/2021
30/04/2021

Mesa Redonda “GALICIA-MADRID NA VIDA E NA OBRA DE EMILIA PARDO BAZÁN"

A Delegación da Xunta en Madrid / Casa de Galicia serviu de marco onte, 29 de abril de 2021, para a celebración da segunda das catro Mesas Redondas do Ciclo De Belo Lucem que, con ocasión da conmemoración do Centenario de Emilia Pardo Bazán (A Coruña, 1851 – Madrid, 1921) organizou o concello de Madrid en colaboración con Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, da Coruña.

Os participantes foron Ana María Freire López, catedrática de Literatura Española da UNED e promotora deste proxecto, e que actuou ademais como moderadora; Xulia Santiso, conservadora de Casa-Museo Emilia Pardo Bazán e directora do proxecto; José Manuel González Herrán, catedrático emérito de Literatura Española da Universidade de Santiago de Compostela e académico correspondente da Real Academia Galega; e Darío Villanueva, catedrático emérito de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidad de Santiago de Compostela, da que foi reitor de 1994 a 2002, e académico de número da Real Academia Española (letra D), da que foi director de 2014 a 2018. Nas súas intervencións puxeron de manifesto a figura de Pardo Bazán como referente plenamente galego, como pioneira do feminismo e como divulgadora da etnografía, o folclore, a historia e a actualidade no seu tempo histórico en Galicia.

Asistiron ao acto, entre outras autoridades, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, o alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, o presidente do Partido Popular, Pablo Casado, a vicepresidenta segunda do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, e a delegada de Cultura, Turismo e Deporte do Ayuntamiento de Madrid, Andrea Levy.

Debe destacarse tamén a presenza, entre o público asistente, do escritor, poeta e presidente do grupo editorial Sial-Pigmalión Basilio Rodríguez Cañada, editor de varias obras de Emilia Pardo Bazán; de María Jesús Domínguez Sío, escritora, catedrática de Literatura Española e especialista en Juan Ramón Jiménez; ou de Lioba Simon Schuhmacher, escritora e profesora Titular de Literatura Inglesa da Universidade de Oviedo.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, definiu a Emilia Pardo Bazán como figura de encontro entre Galicia e Madrid, dúas comunidades alicerces da “España unida e diversa”. Así mesmo, destacou que tanto Rosalía de Castro, como Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán poñen as bases da revolución feminista en España: “Nos tres casos trátase de feminismo resolto e inequívoco, pero non hostil a ninguén. Hostil só á inxustiza e a todos aqueles que se aproveitaban de esta”.

Deste xeito, cun aforo limitado para evitar posibles contagios, a Casa de Galicia en Madrid continúa coas súas actividades.

A Mesa Redonda poderá verse na súa totalidade no seguinte enlace web: https://vimeo.com/543061821.

30 Abril 2021
Notas de prensa
Imaxes