O director da Casa de Galicia destaca o valor da comunicación efectiva na presentación do libro "Hablar es un placer", de Pilar Falcón
A Casa de Galicia en Madrid acolleu hoxe a presentación do libro Hablar es un placer. Oratoria efectiva para transformar con alma, da xornalista, doutora en Ciencias da Información e consultora en comunicación Pilar Falcón.
O acto estivo presidido polo director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, e contou tamén coa participación da avogada, Mercedes de Parada Rodríguez, e da política galega, Emma López.
Durante a súa intervención, Luis E. Ramos destacou a importancia da palabra como ferramenta de comunicación, acompañamento e conexión persoal e profesional, ao tempo que puxo en valor o papel da Casa de Galicia como espazo de difusión da cultura galega e de encontro coa creación literaria e o pensamento contemporáneo.
Nun ton próximo e distendido, o director fixo referencia a algunhas das reflexións recollidas na obra sobre comunicación e oratoria efectiva, incidindo na importancia de favorecer a conexión co auditorio e de comunicar desde a autenticidade.
Ao longo do acto púxose tamén en valor o enfoque práctico do libro, concibido como unha guía para mellorar a capacidade de expresión e comunicación interpersoal. Neste contexto, Ramos destacou a capacidade da autora para axudar a “afinar” a voz e os recursos comunicativos das persoas que precisan informar, persuadir, acompañar ou conectar coa súa audiencia desde a palabra.
Así mesmo, durante a presentación lembráronse os vínculos de Pilar Falcón con Galicia e, especialmente, coa localidade lucense da Pastoriza, da que a autora é natural e onde escribiu esta obra.
O director da Casa de Galicia agradeceu á autora a elección desta institución para presentar o seu novo libro e convidou aos asistentes a continuar participando nas actividades culturais promovidas pola entidade.
O acto concluíu cun coloquio arredor do poder transformador da palabra e da importancia dunha comunicación auténtica e efectiva.