O Doutor en Dereito, Félix García de Pablos, abordou o problema das explotacións hidroeléctricas de Galicia

Notas de prensa
04/07/2022
04/07/2022
07/04/2022

O Doutor en Dereito, Félix García de Pablos, abordou o problema das explotacións hidroeléctricas de Galicia

A Casa de Galicia en Madrid acolleu onte, 6 de abril, a conferencia "Aproveitamentos hidroeléctricos de Galicia" que pronunciou Félix García de Pablos, Doutor en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid e funcionario do Tribunal Económico Administrativo Central do Ministerio de Facenda. O relator estivo acompañado polo vicesecretario da Secretaría Xeral de Presidencia da Xunta de Galicia, Jesús Navazo, que deu a benvida aos asistentes e pasou a presentar a García de Pablos destacando a súa faceta de escritor e colaborador en diversas publicacións con numerosos artigos, moitos deles relacionados coa súa actividade profesional pero tamén outros abarcando outros ámbitos como a Historia de Castela ou a situación da España baleirada.

Seguidamente tomou a palabra Félix García de Pablos que comezou a súa charla dando un repaso á historia da orixe da xeración eléctrica en Madrid, que comezou no ano 1881 cando a Casa Dalmau iluminou por primeira vez unha tenda en España e posteriormente o Palacio Real e Os Xardíns do Bo Retiro; e tamén fixo referencia ao nacemento da electricidade en Galicia onde, ao non existir case industria, a maior parte da produción eléctrica estaba destinada á iluminación dos fogares e posteriormente á iluminación pública. Destacou a importancia que tivo a figura de Pedro Barrié, conde de Fenosa e presidente da Sociedade Xeral Galega de Electricidade, con respecto ás acertadas decisións que tomou en relación á explotación dos ríos de Galicia.

Na segunda parte da súa exposición abordou a situación actual da explotación hidroeléctrica en Galicia, destacando que esta é a segunda produtora a nivel nacional tanto da enerxía eólica como hidroeléctrica de orixe renovable, de gran valor hoxe en día, pero resaltou a escasa reversión que sobre o territorio onde se atopan instaladas ditas explotacións hidrográficas dos ríos galegos e, en particular, os de Ourense e Lugo, realizan as concesionarias.

O relator finalizou a súa alocución ofrecendo diversas solucións aos problemas expostos, indicando que medidas poderían ser as acertadas para que, parte dos beneficios que reciben as grandes empresas que explotan os recursos hidrográficos de Galicia, poidan reverter nas zonas exportadoras dos devanditos recursos.

07 Abril 2022
Notas de prensa
Imaxes