O empresario mexicano, Alberto Dacasa, presenta o seu libro "El método Avión"

Notas de prensa
05/27/2022
05/27/2022
27/05/2022

O empresario mexicano, Alberto Dacasa, presenta o seu libro "El método Avión"

Con numerosa asistencia de público, a Casa de Galicia acolleu onte, 26 de maio, a presentación do libro "El método Avión", escrito polo empresario Alberto Dacasa. Este libro é un manual indispensable para todas aquelas persoas que queiran emprender e ter unha vida de prosperidade económica, seguindo os certeiros pasos duns emigrantes galegos que cruzaron o Atlántico para regresar á súa terra convertidos en grandes empresarios.

O acto estivo moderado pola xornalista, Cristina Serrato, que deu paso aos intervenientes. En primeiro lugar Jesús Navazo, vicesecretario da Secretaría Xeral de Presidencia, deu a benvida en nome da Xunta de Galicia aos asistentes así como aos membros da mesa que acompañaron a Alberto Dacasa na presentación, sinalando a ausencia do Pai Ángel, fundador de Mensajeros de la Paz, á cal van destinados os beneficios da venda do libro. 

Seguidamente tomou a palabra a xornalista e psicóloga, Irene Villa, que destacou que, a pesar de ser un libro de natureza empresarial, os seus ensinos baseados en valores como a disciplina, a constancia e a honestidade, pódense aplicar para alcanzar calquera outro obxectivo vital.

Pola súa banda, o alcalde de Avión, Antonio Montero, resaltou que o libro é unha homenaxe aqueles homes sinxelos, que vivían na precariedade dun pequeno pobo de Ourense, sen estudos e nunha época na que non existía internet, as redes sociais ou facilidade de transporte e, con todo, tiñan o máis importante: grandes soños, ganas de prosperar, obxectivos claros, compañeirismo, vehemencia, humildade e algo clave: ninguén ao seu ao redor que lles puxese límites, dixéselles que non se podía ou lles insuflase medo.

Finalmente, tomou a palabra Alberto Dacasa que, en palabras de Cristina Serrato, é un empresario feito a si mesmo. Un traballador apaixonado, ambicioso, detallista e xeneroso, que desde moi pequeno soñou con ser próspero, e gozar dunha liberdade financeira coa que poder axudar aos demais e cambiar o mundo. Herdou a vea empresarial do seu pai, gran mestre, ídolo, mentor e socio, recentemente falecido e da súa nai, o valor da paciencia, lealdade, bondade e mirada compasiva cara aos outros.

Cunha filosofía de vida propia e as ideas moi claras, o secreto do seu éxito foi modelar a quen xa conseguiran a prosperidade, comezando polo seu pai, exemplo de persoa humilde que emigrou en busca dun futuro mellor, converténdose nun admirable empresario, como outros tantos colegas do ourensán pobo de Avión e, posteriormente, compañeiros da súa terra natal, México.

Decidiu que, para chegar á excelencia nos negocios, tiña que coñecer o mundo laboral desde dentro, así que se puxo a traballar como empregado nun hotel no posto máis baixo. Sempre puntual, de confianza e facendo máis do que se esperaba del, aos poucos foi escalando postos ata converterse no xerente de dous hoteis, despois, dar o salto á xestión do negocio familiar e, finalmente, liderar os seus propios.

Con este libro, o autor pretende dar a coñecer un manual repleto de enerxía, actitude e paixón, co que construír unha realidade máis bonita, cambiar mentalidades e axudar quen da nada, aspiran a emprender e mellorar a súa vida e a dos demais.

O acto de presentación finalizou cunha rolda de preguntas e respostas entre Alberto Dacasa e o público asistente.

 

 

27 Maio 2022
Notas de prensa
Imaxes