O oncólogo Javier Román García explicou na Casa de Galicia os últimos avances no tratamento médico do cancro

Notas de prensa
11/24/2011
11/24/2011
24/11/2011

O oncólogo Javier Román García explicou na Casa de Galicia os últimos avances no tratamento médico do cancro

O tratamento actual do cancro entra de cheo no que se chamou a Medicina Personalizada. Trátase de axustar os tratamentos ás características moleculares e xenéticas dos tumores e ás especificidades dos pacientes para exercer a maior presión sobre as células tumorais tratando de evitar a agresión ás células dos órganos sans, segundo explicou hoxe o xefe do servizo de Oncoloxía Médica do Hospital Moncloa, Javier Román García, na Casa de Galicia en Madrid, onde impartiu a conferencia "Tratamento médico do cancro".

Madrid, 24 de novembro de 2011. - O tratamento actual do cancro entra de cheo no que se chamou a Medicina Personalizada. Trátase de axustar os tratamentos ás características moleculares e xenéticas dos tumores e ás especificidades dos pacientes para exercer a maior presión sobre as células tumorais tratando de evitar a agresión ás células dos órganos sans, segundo explicou hoxe o xefe do servizo de Oncoloxía Médica do Hospital Moncloa, Javier Román García, na Casa de Galicia en Madrid, onde impartiu a conferencia "Tratamento médico do cancro".

Fíxoo dentro do Ciclo Medicina e Saúde que se desenvolve na Casa, coordinado polo profesor xefe de Medicina Nuclear do Hospital Xeral Universitario Gregorio Marañón, José Manuel Pérez Vázquez, quen fixo a súa presentación como "autoridade científica no tratamento farmacolóxico do cancro", acompañado polo delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, que abriu o acto como anfitrión.

Román García explicou que se desenvolveron as chamadas "terapias dirixidas" que actúan sobre os mecanismos íntimos que gobernan o crecemento celular como a angiogénesis ou as cadeas de sinais celulares que producen o crecemento ou a morte celular. Trátase de fármacos de deseño que se crearon tras coñecer os mecanismos que gobernan o desenvolvemento das células tumorais. Neste grupo de novos fármacos encadrou aos diferentes anticorpos monoclonais, os inhibidores dos factores de crecemento epidérmico ou as pequenas moléculas inhibidoras da tirosin-kinasa. Neste mesmo sentido sinalou que se desenvolveron moléculas que poden vehicularse a través de virus vectores e que infectan as células tumorais e se introducen no seu xenoma alterando a maquinaria destas e producindo a súa morte.

Indicou así mesmo que grazas ao desenvolvemento de novas moléculas de deseño de segunda e terceira xeración as resistencias que os tumores van desenvolvendo ás de primeira xeración se van resolvendo, mellorando os resultados e prolongando a vida dos pacientes, e que se están a xerar vacinas que estimulando a inmunidade do paciente lle axudan a combater o tumor. Neste ámbito puxo como o exemplo máis recente a aprobación do sipuleucel-T para o tratamento do cancro de próstata.

O conferenciante mantivo que a oncoloxía virou e os seus tratamentos actuais buscan impactar sobre os mecanismos íntimos do crecemento celular en contra do dano indiscriminado que producían as moléculas máis antigas. Non obstante apreciou que a marxe de mellora nos resultados do tratamento do cancro é aínda moi evidente.

Diminúe a mortalidade

Román García indicou que, dende a década dos 90, a mortalidade por cancro está a diminuír claramente tanto en homes como en mulleres. Na década dos 70 a supervivencia aos 5 anos dos pacientes que padecían cancro era do 50%, aumentou ao 54% na década dos 80 e no século XXI é do 68% o que confirma o aumento claro da supervivencia.

Segundo expuxo, as razóns da mellora na supervivencia dos pacientes con cancro son múltiples. Houbo melloras no diagnóstico e grandes avances nas indicacións dos tratamentos cirúrxicos así como nos medios técnicos cos que contan os cirurxiáns. "O desenvolvemento e a difusión do uso da laparoscopia e da cirurxía robótica son bos expoñentes diso", sinalou. Tamén referiu melloras na radioterapia, a quimioterapia e no control dos virus oncogénicos, con vacinas moi eficientes que poden cambiar o panorama mundial destas patoloxías. Apuntou ademais que na actualidade dispoñemos de máis de 100 fármacos antitumorais utilizados en combinación entre eles e con outros tratamentos.

Con todo, fixo fincapé en que a curación do cancro debe basearse na prevención -advertindo, entre outras cousas, sobre o risco que carrexan o tabaco e a obesidade-, no diagnóstico precoz e na investigación sostida de novas formas de diagnóstico e tratamentos.

Sostibilidade

Por último, valorou que é evidente que existe unha seria ameaza sobre a sostibilidade da asistencia sanitaria aos pacientes oncológicos nun escenario de crise económica. O gasto crecente que xeran estes pacientes, o encarecemento e a sofisticación dos medios de diagnóstico e de tratamento, a aparición de novos fármacos de alto prezo, a expectativa de aumento do diagnóstico dos casos de cancro nos próximos 20 anos con especial impacto nos pacientes maiores de 65 anos fai que o panorama sexa sombrío en termos de sostibilidade, segundo expuxo. "É imprescindible xestionar a asistencia dos pacientes oncológicos con criterios de custo-efectividade para poder curar o cancro con recursos limitados, mantendo os esforzos en investigación para que o desenvolvemento da oncoloxía non se retarde," considera.

24 Novembro 2011
Notas de prensa
Imaxes