O pintor compostelán Plácido Amboage F. regresa á Casa de Galicia coa exposición de pintura “Estampas de Compostela”

Notas de prensa
02/03/2022
02/03/2022
03/02/2022

O pintor compostelán Plácido Amboage F. regresa á Casa de Galicia coa exposición de pintura “Estampas de Compostela”

Onte, mércores, 2 de febreiro, despois da súa última visita á Casa de Galicia hai 12 anos cunha exposición dedicada á Semana Santa, Plácido Amboage regresa cunha mostra dedicada á súa cidade natal, Santiago de Compostela, que leva por título “Estampas de Compostela”.

Esta exposición de pintura, que está composta por máis de trinta obras, de mediano formato na  súa maioría e principalmente realizadas en tinta chinesa, ocupa as dúas salas da planta baixa do edificio e poderá visitarse durante todo o mes de febreiro ata o día 27 inclusive.

Nesta ocasión, a presentación da inauguración correu a cargo do vicesecretario da Secretaría Xeral de Presidencia da Xunta de Galicia, Jesús Navazo, quen comezou dando a benvida ao artista así como a todos os asistentes que se achegaron á Casa de Galicia para acompañar ao pintor nesta inauguración.

Jesús Navazo quixo resaltar o novo desta colección de cadros en relación aos presentados no ano 2010; aqueles, nos que predominaba un intenso colorido; estes, realizados na súa maioría en tinta chinesa nos que aparecen personaxes misteriosos, que buscan resaltar a maxia que envolve os lugares máis emblemáticos de Compostela.

A continuación, tomou a palabra o pintor, que comezou a súa intervención sinalando que a temática desta exposición estaba moi acorde coa celebración do ano Xacobeo, que comezou en 2021 e que, por motivos da pandemia, continúa en 2022.  Así mesmo, destacou que con esta mostra pretendía “traer o máis esencial de Santiago a Madrid”, desexando que, quen a visitase, coñecesen as súas rúas máis representativas, a beleza da súa catedral e a contorna máxica e única no que esta se atopa.

Finalizou a súa breve intervención prometendo volver a esta Casa en 2027, cunha mostra de pequenas acuarelas relacionadas co Camiño de Santiago desde Portugal.
 

03 Febreiro 2022
Notas de prensa
Imaxes