O poeta José Cereijo presenta o seu novo libro de poemas "A luz pensativa"

Notas de prensa
01/18/2022
01/18/2022
18/01/2022

O poeta José Cereijo presenta o seu novo libro de poemas "A luz pensativa"

Onte, 17 de xaneiro de 2022, a Casa de Galicia en Madrid acolleu a presentación do libro de poesía “La luz pensativa”, do autor pontevedrés, natural de Redondela e residente en Madrid, José Cereijo, e que publicou a editorial Pre-Textos, na que xa publicara algunhas obras máis, como “La amistad silenciosa de la luna”, “Música para sueños” ou “Los dones del otoño”. Cereijo foi incluído tamén en diversas antoloxías e, á súa vez, é autor doutras sobre destacados poetas. 
O Coordinador de Actividades da Delegación, Ramón Jiménez, pronunciou unhas palabras de benvida ao acto e subliñou especialmente, de entre os méritos de Cereijo, o de pertencer á Academia de Xograres de Fontiveros, en Ávila, berce de san Juan da Cruz, o “frade calado”, cume da mística castelá xunto a Teresa de Jesús, autor do “Cántico espiritual”, a composición máis conmovedora da lingua española.
Na presentación propiamente dita de “La luz pensativa" interviñeron Sergio Suárez Blanco, en representación da editorial Pre-Textos; Santiago d’Ors, poeta, quen comezou lendo Música callada, en honra precisamente a san Juan da Cruz, e quen continuou logo lendo algúns poemas de José Cereijo, facendo fincapé no valor do silencio; Javier Lostalé, poeta á súa vez, Premio Nacional de Fomento da Lectura a través dos medios de comunicación, posuidor dunha voz privilexiada á hora de declamar-en opinión do coordinador-;  e o propio autor, quen recitou algúns dos seus poemas e explicou a sinxeleza dos mesmos, o minimalismo que segue na súa composición, como os desposúe de todo o superfluo.
Finalmente, tamén o Coordinador de Actividades, Ramón Jiménez, leu un dos poemas de Cereijo con resaibo a haiku, como lle parecen moitos da súa obra, afirmou, e debido a que considerou que viña a conto ante a inminencia da súa xubilación: “Son brancos os cabelos que fai ben pouco eran negros. Miras ao tempo, e el mírache: non hai moito que dicir”.

18 Xaneiro 2022
Notas de prensa
Imaxes