O psiquiatra Bartolomé Freire explicou na Delegación da Xunta en Madrid algunhas claves para obter o máximo partido da vida de xubilado

Notas de prensa
05/09/2019
05/09/2019
09/05/2019

O psiquiatra Bartolomé Freire explicou na Delegación da Xunta en Madrid algunhas claves para obter o máximo partido da vida de xubilado

O doutor Bartolomé Freire, psiquiatra coruñés xubilado, explicou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia algunhas claves para obter o máximo partido da vida de xubilado, un período que implica cambios, novos retos e oportunidades. Fíxoo durante a presentación do libro "La jubilación, una nueva oportunidad", publicado por LID editorial e do que é autor. Acompañaron a Freire na presentación o delegado da Xunta, José Ramón Ónega, o escritor e xornalista Alfonso S. Palomares e o médico psiquiatra e psicanalista Carlos Mingote Adán.

Ónega fixo notar que o libro está prologado por Michael Maccoby, doutor o Psicoloxía e exdirector do programa de Tecnoloxía, Xestión Pública e Desenvolvemento Humano da Universidade de Harvard e apreciou que "a xubilación pode ser un período moi satisfactorio se se atopan metas que lle dean sentido", adiantando que "o doutor Freire, no seu libro, ofrece algunhas claves para obter o máximo partido da vida de xubilado". "Dalgunha forma a xubilación asóciase á vellez, aínda que haxa mozos vellos e vellos novos. Depende do espírito, da saúde e da sorte", dixo, lembrando a cita de Mateo Alemán de que "a mocidade non é un tempo da vida, é un estado do espírito". Observou así mesmo que a obra recolle os resultados dunha investigación realizada a partir de 150 entrevistas e afirmou que "o libro do doutor Freire é un libro excelente. Contén datos e experiencias que a todos interésannos e conveñen".

Respecto ao autor, detallou que, ademais de doutor en Psiquiatría, é especialista en Psicoterapia, formouse en Madrid, México e Estados Unidos e traballou en institucións públicas e en consulta privada. Tamén dirixiu un consultorio sobre xubilación na revista "Vivir con júbilo" e na emisora rafiofónica Radiosol XXI.

Palomares apreciou que o libro está escrito cunha prosa "lixeira e clara", pero, engadiu, "hai que sinalar que non é un libro superficial, senón todo o contrario". "É un libro profundo sobre un asunto que preocupa a toda a nosa sociedade no último tramo das súas vidas. Resulta accesible a calquera que queira reflexionar con certa fondura sobre os variados aspectos que conleva a xubilación", sostivo. Tamén que no libro "converxen tres perspectivas que lle outorgan unha particular solidez ao texto: unha metodoloxía empírica a través de 150 entrevistas a xubilados que proporciona unha base de datos suficientemente importante para analizar o fenómeno da xubilación; que estes datos dirían pouca cousa se non fosen postos en xogo a través do corpus teórico do autor, un profesional da psiquiatría cunha dilatada e brillante traxectoria clínica e unha formación en Psicoterapia que lle permite dar sentido a toda a información recompilada; e o feito de que o autor este xubilado dálle unha maior perpectiva do vivido. Este plus persoal proporciona unha autenticidade impagable".

Carlos Mingote referiuse ao "privilexio de envellecer con éxito" e mantivo que "un 75% da saúde dos maiores depende dun medio ambiente e un estilo de vida saudables. Só un 25% vén dado pola carga xenética ou o azar". Segundo Mingote, "o envellecemento é un proceso plástico e moldeable que pode desenvolverse de forma fisiolóxica, é dicir con éxito ou ben asociado a diversas enfermidades" e "en boa medida vai depender de nós mesmos".

Pola súa banda, Freire explicou a estrutura e o contido da obra. "O libro comeza coa descrición da experiencia do fin da vida laboral e de transitar a unha etapa nova e descoñecida. O foco sitúase nas distintas portas de acceso á xubilación e na ampla gama de emocións e condutas que se xeran. Continúa cunha recisión detallada dos retos que supón a adaptación á vida de xubilado, como a procura dunha nova identidade, a xestión do tempo, a necesidade de novos consensos na parella e a familia, etc. Explícanse diferentes respostas aos mesmos, así como as habilidades psicolóxicas que favorecen unha adaptación creativa", detallou.

150 entrevistas, cinco estratexias

Na segunda parte, continuou, presenta "os resultados dun traballo experimental cuxo obxectivo foi coñecer as estratexias que despregan os xubilados para adaptarse e dar un novo sentido á súa vida. Para dispoñer de información sobre o devandito proceso entrevistei a 150 persoas xubiladas. Partindo da análise do contido de dicha entrevistas identifiquei as cinco estratexias ou orientacións máis frecuentes. Chameinas: atareados, disfrutadores, sosegados, exploradores e desenfocados, segundo o propósito dominante que as guiaba. Despois dunha exposición detallada das características de cada unha delas, aparece unha valoración das súas vertentes produtivas e improductivas, empregos con composicións de casos reais e cinco preguntas para que aqueles xubilados que se identifiquen cunha das estratexias poidan revisar a súa traxectoria". "Para concluír, baseándome en todo o aprendido, respondo a algunhas preguntas e formulo algunhas conclusións sobre varios aspectos da xubilación", sinalou.

09 Maio 2019
Notas de prensa