Os gaiteiros Miguel Ramalleira e Javier Franco presentan os seus traballos discográficos na Casa de Galicia

Notas de prensa
06/02/2022
06/02/2022
02/06/2022

Os gaiteiros Miguel Ramalleira e Javier Franco presentan os seus traballos discográficos na Casa de Galicia

A Casa de Galicia encheuse de público para asistir onte pola tarde á presentación dos discos "Ramalleira. Música para animar el alma", do gaiteiro Miguel Ramalleira, e "Músicas de Ferreiros", do gaiteiro Javier Franco. Ambos estiveron acompañados polo vicesecretario de Presidencia da Xunta de Galicia, Jesús Navazo, que deu a benvida aos asistentes en nome da Xunta de Galicia e destacou os aspectos máis relevantes da música que interpretan e, seguidamente, pasou a palabra ao presidente da Federación de Asociaciones Gallegas en Madrid (FAGAMA), Horacio Rico, de cuxa iniciativa parte esta presentación.

En primeiro lugar, Javier Franco explicou que o seu traballo discográfico é unha viaxe musical ao seu pasado máis íntimo e familiar, e froito do legado de instrumentos herdados do seu bisavó así como dos recordos de familiares, veciños e amigos dunha aldea do interior da provincia de Lugo, chamada Ferreiros. Seguidamente interpretou varios temas do seu álbum tales como "Os Guimaros", "Vals de Ferreiros" ou "Panxoliña de Nadal" acompañado pola cantareira Patricia Seoane.

A continuación, Miguel Ramalleira falou do seu primeiro disco "Ramalleira. Música para animar el alma", composto por unha decena de temas, dos que a metade son composicións propias xurdidas das experiencias vitais do confinamento e o resto, versións renovadas de música folk galaica. Producido por Fernando Polaino, contou coa colaboración, entre outros, de Susana Seivane, unha dos seus referentes xunto con Carlos Núñez e Daniel Bellón. Deles tomou, respectivamente, a tradición, a variedade instrumental e a fusión coa vangarda. Con este traballo, o gaiteiro tenta transmitir ao público a súa paixón pola gaita, con temas alegres cargados de positividade e nos que resoan ecos das verbenas lucenses nas que naceu o seu amor por este instrumento, salpicados de jazz, flamenco, rumba pop e rock, pero sen perder a esencia ancestral do tradicional. Seguidamente o público puido gozar de varios temas do seu disco como "La Mourisque", "Muiñeira de Ramalleira", "Pasodoble de Uxía" ou "El camino".
 

02 Xuño 2022
Notas de prensa
Imaxes