OS PRODUTOS GALEGOS TRIUNFAN NA CASA DE GALICIA EN MADRID, QUE ACOLLEU A SEGUNDA EDICIÓN DO COCIDO DE PORCO CELTA

Notas de prensa
03/26/2024
03/26/2024
26/03/2024

OS PRODUTOS GALEGOS TRIUNFAN NA CASA DE GALICIA EN MADRID, QUE ACOLLEU A SEGUNDA EDICIÓN DO COCIDO DE PORCO CELTA

Javier Vázquez, director da Casa de Galicia en Madrid participou na segunda edición do cocido de Porco Celta organizado pola Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel).

Javier Vázquez destacou na súa intervención a intención da entidade que representa de seguir sendo un nexo entre Galicia e a capital do país e aproveitou a ocasión para poñer en valor o excelente traballo que vén facendo Asoporcel no último cuarto de século a favor da recuperación do Porco Celta. 

A iniciativa forma parte das accións da asociación para a promoción e difusión dos derivados do Porco Celta dentro e fóra da comunidade galega. 

O evento, que se suma a outras frutíferas colaboracións da asociación con esta entidade, contou coa presenza de hostaleiros, bloggers gastronómicos, medios especializados, representantes de distintas institucións e de asociacións galegas e da comunidade de Madrid, figuras da sociedade madrileña e outros integrantes do sector da alimentación de diversas zonas do país. 

“Esta é unha convocatoria especial para nós porque, a pesar dos nosos 25 anos de traballo, a raza Porco Celta continúa en risco de desaparición e, desde logo, a súa recuperación e conservación sería imposible se non contásemos co centenar de gandeiros que contribúen, coas súas pequenas granxas, a manter a raza en activo”, subliñou o director técnico de Asoporcel, Iván Rodríguez. “Das súas ganderías saen os animais que dan lugar aos excelentes produtos que imos degustar a continuación”, apuntou, á vez que remarcou a intención de que o encontro servise como homenaxe a este labor. 

Nesta edición, estivo presente na comida unha representación de gandeiros de Porco Celta, os cales tamén son operadores autorizados para o uso do logotipo 100% Raza Autóctona Porco Celta e puideron falarlles de primeira man aos comensais da calidade dos derivados desta raza, así como do alto nivel do sector produtor en Galicia. “Poucas veces é posible conectar a produción primaria con axentes da comercialización, coa hostalería ou co consumidor final; esta é unha oportunidade inmellorable para establecer esa conexión”, destacou o gandeiro Fernando Calviño en nome de todos os compañeiros de Asoporcel. “Non imaxinamos unha maneira mellor de dar a coñecer o noso traballo e os nosos produtos que facendo honra á gastronomía tradicional galega na capital”, engadiu Calviño. Na comida, o prazo estrela foi, por suposto, o Porco Celta, feito seguindo o estilo tradicional da Festa do Cocido de Porco Celta da comarca de Sarria e composto por cabeza, lacón, chourizos, butelo e lombo. Como acompañamento, patacas coa IGP Pataca de Galicia, grelos coa IGP Grelo de Galicia, pan coa IGP Pan de Galicia e viño con DOP Ribeira Sacra. Para a sobremesa, tamén como novidade deste ano, contaron cos doces das Filloeiras de Muimenta, que prepararon estas elaboracións tipicamente galegas en directo para os asistentes.

26 Marzo 2024
Notas de prensa
Imaxes