Plácido L. Rodríguez regresa á Casa de Galicia coa exposición de fotografía "No punto de liña"

Notas de prensa
09/08/2021
09/08/2021
08/09/2021

Plácido L. Rodríguez regresa á Casa de Galicia coa exposición de fotografía "No punto de liña"

Onte, 7 de setembro de 2021, inaugurouse na Casa de Galicia en Madrid, sede da Delegación da Xunta na capital de España, coas actuais limitacións de aforo que establece o protocolo de actuación ante o covid, a exposición de fotografía “NO PUNTO DE LIÑA”, do artista ourensán, natural de Gomesende, Plácido L. Rodríguez, que permanecerá aberta ao público ata o próximo día 30.
 

Trátase dunha mostra de 26 fotografías de 52 x 52 cm. e 4 de 62 x 62 cm, todas elas en branco e negro, nas que o seu creador propón un “diálogo entre o suxeito ou suxeitos fotografados e abstraídos na observación dun punto e a mirada do fotógrafo”, como subliña con acerto a prologuista do catálogo elaborado para a ocasión, Tareixa Taboada, crítico de arte e artista á súa vez.  

E é que, como demostrou sobradamente noutras exposicións que realizou ao longo dos anos na Casa de Galicia en Madrid, como as tituladas MIRA QUEN MIRA ou ARQUITECTURAS DA ALMA, Plácido L. Rodríguez é un virtuoso da mirada. Isto corroborouno o presentador da exposición, Ramón Jiménez, coordinador de Actividades da institución, quen á afirmación de Tareixa de que a mirada de Plácido é única engadiu que “este fotógrafo métese como ninguén nos rostros a través da mirada, e alí dentro coloca os seus píxeles, coma se fosen cargas de profundidade, coas que detona as emocións e provoca, grazas a esa introspección, a explosión da cor ou a síntese do branco e negro”. Fixo tamén algunhas consideracións o coordinador sobre esta arte, como que “ningunha outra forma de expresión artística é tan contundente, tan profunda, tan exacta, crúa ou emotiva”, ou que a fotografía é “unha máquina do tempo, o vehículo máis rápido para chegar ao pasado, próximo ou distante”. Finalmente, referiuse á “emoción inenarrable” que produce o silencio que atopamos nelas, e animou aos presentes a non desperdiciar a oportunidade de tomarse as que poidan, a fin de converterse nos propios biógrafos das súas vidas e para non ter que arrepentirse despois, con nostalxia, dos momentos pasados con aqueles seres queridos cos que, podendo eternizar o momento con algunha fotografía, non se fixo por descoido.    

Por último, pasoulle a palabra ao fotógrafo, quen explicou a súa obra e o seu proceso creativo, caracterizado pola reflexión e a lentitude, e agradeceu a nova oportunidade que a Xunta de Galicia ofrecíalle de volver exhibir a súa arte nas súas instalacións da Casa de Galicia en Madrid.   

08 Setembro 2021
Notas de prensa