PRESÉNTASE NA CASA DE GALICIA “4 MUJERES DE PALABRA: ROSALÍA DE CASTRO, EMILIA PARDO BAZÁN, CONCEPCIÓN ARENAL, SOFÍA CASANOVA”
Gran acollida da obra “4 Mulleres de Palabra: Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal, Sofía Casanova” na Casa de Galicia en Madrid.
Un centenar de persoas abarrotaron o salón de actos. A presentación, moderada pola xornalista e académica, Pilar Falcón, contou coas intervencións do catedrático de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela, coordinador e coautor da obra, Marcelino Agís Villaverde, xunto ás coautoras Alba Igrexas Varela e Rocío Carolo Tosar, profesoras do Departamento de Filosofía e Antropoloxía da USC, e Eva Asensio Castañedas, profesora adxunta da Universidade Europea e doutora en Historia da arte pola UNED.
Marcelino Agís explicou que o trazo novo deste libro é o estudo das raíces filosóficas das catro escritoras, o seu pensamento social, a defensa dos desfavorecidos e a influencia que exerceron en cuestións crave como o feminismo, os dereitos sociais e a igualdade da muller. As catro escritoras son “galegas de nacemento, madrileñas por formación, e universais desde o punto de vista literario porque o seu legado é imperecedero”, sinalou Agís.
Pola súa banda, Alba Igrexas destacou que as catro escritoras abordaron o feminismo desde diferentes perspectivas, segundo as súas circunstancias persoais e, a pesar da súa importancia como referentes e pioneiras neste ámbito, o seu labor intelectual permitiulles achegar moito máis á sociedade da súa época. Sobre a proxección do pensamento galego das escritoras, Rocío Carolo precisou que cada una delas ofrece una visión persoal de acordo coas súas circunstancias. “Elas escriben desde Galicia para o resto do mundo. O paso destas autoras por Madrid supón un feito fundamental para a construción das súas obras, pero escriben desde Galicia e, por tanto, están suxeitas ao seu tempo e ao seu lugar”, aclarou.
O contexto histórico é fundamental para entender o labor que desenvolveron as catro autoras no ámbito social. Neste sentido, a profesora Eva Asensio lembrou que, a finais do século XIX e principios do XX, as mulleres movíanse na contorna familiar, mesmo nunha sociedade como a galega que era matriarcal e onde se recoñecía o poder da muller, pero limitado ao fogar. A imposibilidade de acceder á universidade obrigounas a ser autodidactas, a formarse en distintos campos e adquirir un nivel educativo que entón estaba vedado para as mulleres. As catro caracterizáronse por ser independentes, profesionais, valentes e exemplares; non só na teoría, senón tamén na práctica, tal como sinalou a presidenta do Club de Xornalistas Galegos en Madrid, Pilar Falcón.
O libro, editado por Ibersaf en galego e en castelán, está dirixido tanto aos expertos como ao público en xeral. O seu contido é froito de anos de investigación e “o desafío á hora de escribilo foi ofrecer un texto á vez atractivo e rigoroso, que poida ser satisfactorio para un universitario, pero tamén para o gran público”, precisou Marcelino Agís. O responsable da editorial, José Luís Pardo, explicou que a idea deste libro naceu durante a conmemoración do centenario de Emilia Pardo Bazán, e manifestou que, pola súa condición de galego, a editorial Ibersaf estará sempre “ao servizo de Galicia e a súa cultura”.