Preséntase na Casa de Galicia en Madrid a película "El corazón de Europa", de Juan Pinzás
Onte, xoves, 19 de maio, tivo lugar a presentación e rolda de prensa, con motivo da súa estrea o 27 de maio, da película "El corazón de Europa", do director Juan Pinzás. Trátase da segunda parte da "triloxía europea" do cineasta galego tras "El vientre de Europa" (2017), presentado tamén na Casa de Galicia con notable éxito. Unha vez máis, a longametraxe foi filmado baixo os preceptos do decálogo pinzasiano ideado polo propio director.
Juan Pinzás estivo acompañado no acto pola produtora executiva de Atlántico Films, Pilar Sueiro, quen deu a benvida aos asistentes tanto dos medios de comunicación como do público interesado no cinema de autor, en concreto, da traxectoria do cineasta galego. Destacou que a película foi rodada durante os anos 2020 e 2021, coincidindo co confinamento e a pandemia, así como coa nevada Filomena, feitos que, lonxe de ser un impedimento para a rodaxe, aproveitaron para incorporar á película.
Seguidamente pasou a palabra a Juan Pinzás, quen destacou que a película foi rodada seguindo o chamado "decálogo pinzasiano", que non é un guión senón unha guía que lle permitiu rodar buscando a improvisación e o enriquecemento da longametraxe. Así mesmo, confesou que se trata da súa "película máis persoal, na que se espiu emocionalmente" interpretando de novo ao personaxe de Julián Pintos, o seu alter ego e coa que pretende expor interrogantes sobre a vida, os desexos e as inseguridades do ser humano aos que debe dar resposta e sacar as súas propias conclusións o propio espectador.
Esta película segue o mesmo camiño independente onírico, experimental e de autor, que está dirixido a un público minoritario e comprometido que busca algo máis que o mero entretemento. Un cinema humanista que reflexiona sobre a vida e a morte e que coida a plasticidad das imaxes, a fotografía e a voz en off.
O acto finalizou contestando o director ás preguntas do público e dos medios de comunicación presentes no acto.