Ramos salienta o potencial do tecido tecnolóxico e industrial de Galicia na presentación da Feira Mindtech 2027 en Madrid

Notas de prensa
06/05/2026
06/05/2026
05/06/2026

Ramos salienta o potencial do tecido tecnolóxico e industrial de Galicia na presentación da Feira Mindtech 2027 en Madrid

A Casa de Galicia en Madrid acolleu esta mañá a presentación de Mindtech 2027, a feira industrial e tecnolóxica de referencia do Polo Ibérico, que celebrará a súa próxima edición en Vigo do 27 ao 29 de abril de 2027.

O acto estivo presidido polo director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, e contou coa participación de representantes da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (ASIME), entidade organizadora dun certame que se consolidou como un dos principais espazos de encontro para a industria, a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico do noroeste peninsular.

Durante a súa intervención, Ramos destacou a aposta do Goberno galego pola industria, a innovación, a tecnoloxía e a creación de emprego como piares fundamentais do desenvolvemento económico da comunidade. Lembrou tamén que a Casa de Galicia en Madrid é a representación institucional permanente de Galicia na capital de España desde hai máis de tres décadas e un espazo de encontro, diálogo e proxección da comunidade autónoma. Neste sentido, subliñou que, xunto á difusión da cultura galega, a promoción económica e empresarial constitúe unha das súas principais áreas de actuación.

Luis E. Ramos destacou a relevancia de Mindtech como unha plataforma de referencia para o ecosistema industrial do ámbito ibérico e atlántico, capaz de reunir empresas líderes, centros tecnolóxicos, institucións, profesionais e investidores arredor dos grandes desafíos da industria do futuro. Así mesmo tamén puxo en valor os resultados da última edición do certame, que reuniu máis de 200 empresas expositoras e miles de visitantes profesionais, consolidando a feira como un escaparate internacional para sectores estratéxicos como a automoción, a aeronáutica, o naval, as enerxías renovables, as tecnoloxías industriais, a loxística ou a dixitalización.

Mindtech 2027 volverá converter Vigo nun punto de encontro internacional para a industria e a tecnoloxía, favorecendo a cooperación empresarial, a transferencia de coñecemento e a creación de novas oportunidades de negocio.

05 Xuño 2026
Notas de prensa
Imaxes