RÉPLICAS DE INSTRUMENTOS MUSICAIS DO SÉCULO XII PODEN VERSE DESDE HOXE NA CASA DE GALICIA

Notas de prensa
05/10/2023
05/10/2023
10/05/2023

RÉPLICAS DE INSTRUMENTOS MUSICAIS DO SÉCULO XII PODEN VERSE DESDE HOXE NA CASA DE GALICIA

O director da Casa de Galicia, Juan Serrano participou na inauguración da exposición “A memoria do son”. 

Serrano agradeceu a Luciano Pérez Díaz, comisario da exposición  e director da colección de instrumentos musicais do CENTRAD, por traer á Casa de Galicia esta “magnífica” exposición co fin de dar a coñecer pezas únicas que se poñen a disposición do público grazas aos traballos de investigación e recuperación desenvolvidos desde o centro provincial a partir da iconografía medieval. 

“A memoria do son” reúne diferentes réplicas de instrumentos musicais que se podían ver e escoitar nos séculos XII e XIII en Galicia. Creadas polo Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo (CENTRAD), algunhas das súas pezas son réplicas de instrumentos que se poden ver esculpidos en pedra no Pórtico da Gloria da Catedral ou no Pazo de Xelmírez. 

Luciano Pérez explicou que a exposición consta, dunha zanfona, unha viola de brazo, un organistro, coa súa roda a modo de “arco sen fin”, unha viola de perna, unha cítola, unha rota e unha ziga, construídas minuciosamente con madeiras de tilo, peral, cedro do Líbano, cerdeira ou nogueira.

Devandita exposición ofrece a posibilidade de escoitar os sons dos instrumentos a través do escaneo dun código QR, habilitado xunto á explicación da historia de cada instrumento engadíndose á mostra un excepcional catálogo e un salterio con partituras que se poden interpretar. 

A exposición “A memoria do son” poderá visitarse na sala Álvaro Cunqueiro, da Casa de Galicia en Madrid até o próximo 16 de xuño, en horario, de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Domingos e festivos: de 10 a 14 horas.
 

 

10 Maio 2023
Notas de prensa
Imaxes