RUEDA RESALTA A CONTRIBUCIÓN DE GALICIA AO PROGRESO COMÚN COA SÚA APOSTA POLO DESAFÍO DEMOGRÁFICO, OS FONDOS EUROPEOS E NOVAS OPORTUNIDADES DE FUTURO

Notas de prensa
11/23/2022
11/23/2022
23/11/2022

RUEDA RESALTA A CONTRIBUCIÓN DE GALICIA AO PROGRESO COMÚN COA SÚA APOSTA POLO DESAFÍO DEMOGRÁFICO, OS FONDOS EUROPEOS E NOVAS OPORTUNIDADES DE FUTURO

Madrid, 22 de novembro de 2022.- Juan Serrano, director da Casa de Galicia en Madrid, acompañou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que resaltou a contribución de Galicia ao progreso común coa súa aposta polo desafío demográfico, os fondos europeos e novas oportunidades de futuro. Na súa intervención nun almorzo informativo organizado pola axencia de noticias Europa Press, o titular do Goberno galego subliñou a contribución de todas as Comunidades para “construír España, o que é non só un dereito dos nosos territorios, senón un deber”.

Neste sentido, Alfonso Rueda lembrou que esta semana se cumpre un ano desde a celebración do coñecido como Foro de Santiago, no que representantes de oito comunidades autónomas de diferentes cores políticas xuntáronse para avanzar en materia de servizos públicos e financiamento autonómico. O presidente da Xunta asegurou que Galicia “seguirá contribuíndo lealmente a facer un país mellor” desde diferentes eixos; fundamentalmente, coa súa aposta polo desafío demográfico, coa xestión dos fondos europeos e coa creación de novas oportunidades de futuro.

No referido á loita contra o despoboamento, destacou a gratuidade total das escolas infantís para os nenos e nenas menores de 3 anos. “Somos a única Comunidade de España que ofrece unha medida así”, incidiu. En palabras do presidente, Galicia “está a actuar ante un problema do que non se pode ser só comentarista” e puxo en valor outras medidas como a Lei de impulso demográfico, a creación de casas neno nos pobos do rural ou a entrada en vigor dun dos calendarios de vacinación infantil máis completos de España.

A maiores, lembrou as políticas practicadas para o retorno dos galegos no exterior e dos seus descendentes, o que motivou, en cinco anos, o regreso de 28.000 persoas, o 60% delas menores de 45 anos e cunha boa formación nolos seus países de orixe.

Rueda destacou que “Galicia seguirá sendo a Comunidade que máis intensamente apoia ás familias” e que a partir do 2023 equiparará as unidades familiares con dous fillos coas numerosas a efectos fiscais. O titular da Xunta lembrou que isto supoñerá unha dedución de 250 euros por familia, así como a bonificación adicional de 250 euros por cada fillo para partir do terceiro.

Así e todo, advertiu que hai cuestións na atención á poboación que non poden xestionar só as Comunidades autónomas, como pasa coa Sanidade pola falta de médicos, “un problema que afecta a todos os territorios e que hai que solucionar de raíz”. Neste sentido, instou unha vez máis ao Goberno central a ampliar o número de especialistas cunha convocatoria de prazas MIR extraordinaria e a crear a especialidade de Urxencias.

O presidente lamentou tamén que unha política excesivamente centralizada deixe de lado asuntos crave para a vertebración de Galicia, como o Corredor Atlántico de Mercadorías ou a xestión do litoral, que Galicia reclama por ser quen coñece mellor o seu territorio e a súa costa.

Descentralización dos fondos europeos

Alfonso Rueda sumouse ás voces que advirten do perigo “dunha oportunidade perdida” pola repartición dos fondos europeos, lamentando a súa lentitude, a inoperancia dos Perte que non chegan a proxectos esenciais como é o da industria automobilística galega ou unha xestión “excesivamente centralizada no país máis descentralizado de Europa”. Fronte a esas dilacións, o titular do Goberno galego contrapuxo que dos 937 millóns de euros que recibiu Galicia por agora, o 100% están tramitados e o 70%, en execución.

Lembrou que Galicia non é allea á crise económica xeral, nun contexto de inestabilidade pola guerra en Ucraína cando a sociedade aínda non se recuperou dos efectos da pandemia. Con todo, Rueda subliñou que neste momento era máis necesario que nunca apontoar as oportunidades para as próximas xeracións, que doutro xeito “non nolo perdoarían xamais”, con empregos dignos e capacidade de acceso a unha vivenda que lles ofreza “oportunidades” para desenvolver un proxecto de vida. Nese sentido, lembrou o programa de avais que vén de lanzar o Goberno galego para cubrir con axudas autonómicas o 20% que non adoitan ofrecer as entidades bancarias nos préstamos hipotecarios.

O presidente da Xunta tamén lembrou que o futuro inmediato dos cidadáns galegos está agora mesmo afectado pola subida dos impostos, e que nese contexto non poden asumir unha nova carga co incremento do 10% que se prevé para a peaxe da AP-9. Rueda instou o Goberno central “a non actuar como espectador” e conxelar as tarifas na autoestrada, seguindo así o ronsel da Xunta nas vías de titularidade autonómica.

Alfonso Rueda tendeu a man para seguir contribuíndo desde Galicia ao progreso de España “como o fixemos sempre, sendo unha Comunidade amable e un exemplo de estabilidade”.

23 Novembro 2022
Notas de prensa
Imaxes