Tareixa Taboada inaugura a exposición de pintura e escultura "NIHIL"

Notas de prensa
06/04/2021
06/04/2021
04/06/2021

Tareixa Taboada inaugura a exposición de pintura e escultura "NIHIL"

Onte, 3 de xuño de 2021, inaugurouse na Casa de Galicia en Madrid, sede da Delegación da Xunta na capital de España, con limitación de aforo en seguimento do protocolo de actuación ante o covid, a exposición de pintura e escultura “NIHIL”, da artista ourensá Tareixa Taboada, que permanecerá aberta ao público ata o próximo día 30. Trátase dun proxecto que se estrutura, por unha banda, en preto de 30 cadros pertencentes a tres series distintas: “Máscaras e máscaras”, ideada premonitoriamente antes da pandemia e interrompida por ela; “Tríptico, Labirinto e díptico do Minotauro”, en que expón un percorrido interactivo co espectador, ao que convida a traspasar o labirinto e enfrontarse aos seus propios monstros; e “Freak show”, onde mostra o seu interese polos personaxes marxinais e o seu rexeitamento polo convencional e a uniformidade que se pretende deseñar desde a globalización. Polo que se refire á parte escultórica, está integrada por 12 esculturas de bronce á cera perdida, a modo de exvotos, en que altera a cronoloxía contemporánea falseando a antigüidade das obras a fin de dotar dun punto de vista arqueolóxico á estética contemporánea; máis un cranio de tres ollos, de bronce, e varios ósos auténticos de golfiño; así como a instalación “Paxaros e excrementos”, en que diversos paxaros de metal dialogan cunha Natureza en perigo por mor da intervención humana.

A todo iso referiuse o Coordinador de Actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez, nas súas palabras de presentación da exposición, quen ademais, nunha intervención salpicada de expresións latinas, para darlle adecuada réplica ao título “Nihil”, preguntouse polo misterio das máscaras e a identidade, incluída a da creadora destas obras, máxime neste interminable annus horribilis en que as máscaras nos han posto cara de mosquitos, como nalgúns dos cadros exhibidos. Resaltou neste punto a anticipación da artista, que dalgunha maneira presentiu o por vir. Ao Coordinador, esta exposición tráelle á memoria tamén a película A parada dos monstros, e lle retrotrae ao circo, a esa mestura de alegría e de tristeza que “se disputan a partes iguais a cara do pallaso”. A declaración, á súa vez, da artista, no sentido de manter se afastada na medida do posible do espectáculo servil do mercado, e de busca r a creación en liberdade, conciencia e compromiso, interesándose na provocación como estimulación intelectual, como unha sacudida eléctrica, no ARTIVISMO en definitiva, entendido este como activismo e posicionamento a través da arte, desmentiría el título literal da mostra, pois nada hai sen carga, de desánimo ou aburrimento, nin na obra nin na persoa de Tareixa . Todo o contrario, asemellándose a eses telescopios espaciais que rebuscan na presunta nada do Universo e sempre acaban atopando millóns de novas galaxias, hai que afirmar con rotundidade que, luces meridiana clarius, a mente de Tareixa Taboada é, máis que NADA, un infinito corno da abundancia.

04 Xuño 2021
Notas de prensa
Imaxes