A Xunta destaca o valor da comunicación como ferramenta estratéxica para reforzar a competitividade e a proxección da marca Galicia
A Casa de Galicia en Madrid acolleu este martes Galicia, marca rexistrada, un encontro de marcas e empresas de comunicación organizado polo Clúster da Comunicación de Galicia e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), que reuniu profesionais do sector para abordar os retos e oportunidades da comunicación, o marketing e a creatividade empresarial.
Durante a súa intervención, o director da Casa de Galicia, Luis E. Ramos, deu a benvida ás persoas asistentes e puxo en valor a Casa como «unha casa de Galicia aberta ás nosas empresas, ao noso talento e a todas as persoas que queiran contribuír a proxectar todo o que somos capaces de facer». Neste sentido, destacou a súa vocación de ser un espazo aberto a Madrid, España e o mundo, ao servizo da promoción económica e empresarial da comunidade.
Ramos lembrou tamén o compromiso da Casa co desenvolvemento económico de Galicia desde as súas orixes. Inaugurada en 1992 polo presidente Manuel Fraga, ás portas do primeiro Xacobeo de 1993, a súa primeira actividade foi precisamente un foro económico. Un compromiso que, segundo sinalou, se reforza coa apertura da Oficina Económica de Galicia en Madrid, a primeira destas características fóra da comunidade autónoma, dirixida por Loreto Sanmartín.