A Xunta pon en valor as cantantes líricas que levaron o nome de Galicia por todo o mundo

Notas de prensa
05/04/2026
05/04/2026
04/05/2026

A Xunta pon en valor as cantantes líricas que levaron o nome de Galicia por todo o mundo

A Casa de Galicia en Madrid acolleu hoxe o acto de inauguración da exposición Cantantes líricas galegas dos séculos XIX e XX. Galicia, Portugal, América, unha mostra que pon en valor o legado de intérpretes galegas que acadaron proxección internacional ao longo da historia.

O director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, foi o encargado de abrir o acto cunha intervención na que deu a benvida aos asistentes e destacou o papel desta institución como “o mellor altofalante posible da nosa lingua e da nosa cultura en Madrid, así como escaparate das nosas empresas, economía e turismo”. Ramos subliñou ademais que a exposición se inaugura “no mes das flores e das nosas letras”, en referencia á celebración do Día das Letras Galegas o vindeiro 17 de maio, dedicado este ano á escritora e xornalista Begoña Caamaño.

Durante a súa intervención, tamén puxo en valor o diálogo que a programación cultural da Casa de Galicia establece entre tradición e contemporaneidade, convidando ao público a participar nas actividades paralelas previstas arredor da mostra.

Pola súa banda, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, destacou que “esta exposición é un acto de xustiza histórica con mulleres que, co seu talento e determinación, levaron o nome de Galicia polos grandes escenarios do mundo”. Neste sentido, subliñou que Madrid se converte “no mellor escaparate para compartir co conxunto de España unha parte esencial do patrimonio cultural galego”.

A mostra, comisariada por María del Carmen Lorenzo Vizcaíno, da Universidade da Rioxa, e Francisco Javier Garbayo Montabes, da Universidade de Santiago de Compostela, recolle a traxectoria de artistas que triunfaron en teatros de Europa, América e outros puntos do mundo, contribuíndo á difusión da cultura galega máis alá das súas fronteiras. A través de retratos, documentación e contidos divulgativos, a exposición permite achegarse ás súas vidas e carreiras, moitas veces esquecidas polo relato oficial.

O secretario xeral da Emigración puxo en valor o papel destas mulleres como “pioneiras e referentes, non só no ámbito artístico, senón tamén social”, destacando a súa capacidade para abrir camiños nun contexto histórico complexo. “Foron auténticas embaixadoras da nosa cultura, exemplos de talento, esforzo e identidade galega no mundo”, engadiu.

Neste contexto, Miranda vinculou esta iniciativa, patrocinada pola Xunta de Galicia, coas políticas de retorno do Goberno autonómico, lembrando que “Galicia traballa hoxe para recuperar e atraer talento, seguindo o exemplo destas galegas que demostraron que a nosa terra é capaz de proxectarse internacionalmente”.

A inauguración contou tamén coa participación da comisaria María del Carmen Lorenzo e cunha actuación musical a cargo da soprano Lucía Pernía e do guitarrista Marcos Arregui, que puxeron o broche artístico ao acto.

A exposición permanecerá aberta ao público nas vindeiras semanas, consolidándose como un espazo de memoria, recoñecemento e difusión da historia cultural galega a través das súas protagonistas femininas.

04 Maio 2026
Notas de prensa
Imaxes