A Xunta presenta en Madrid o primeiro Censo galego do Patrimonio Marítimo Inmoble e as Áreas Nai, no marco do Plan de Cultura Marítima de Galicia
O director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, e a conselleira do Mar, Marta Villaverde, presentaron hoxe, na sede institucional da Xunta en Madrid, o primeiro Censo do Patrimonio Marítimo Inmoble de Galicia e as Áreas Nai ou Espazos de Interese Cultural Marítimo, dúas ferramentas impulsadas pola Xunta no marco do Plan da Cultura Marítima de Galicia (PCUMA) para conservar, protexer e difundir o patrimonio vinculado ao mar. O Censo permitiu inventariar e documentar 1.452 bens patrimoniais, tras un traballo de campo de case tres anos no que se percorreron máis de 24.000 quilómetros e se identificaron 83 tipoloxías patrimoniais.
Durante a súa intervención, Luis E. Ramos destacou que estas iniciativas permiten coñecer e poñer en valor “auténticos tesouros” do patrimonio galego, vinculados aos 2.555 quilómetros do perímetro costeiro de Galicia. Neste sentido, referiuse ao Camiño do Litoral como unha vía para descubrir estes bens e salientou o encaixe da presentación na programación da Casa de Galicia en Madrid, ao contribuír a dúas das súas principais misións como representación da Xunta: difundir a cultura galega e promocionar Galicia como destino turístico.
O director lembrou tamén que esta aposta polo coñecemento e a divulgación do patrimonio galego se produce “ás portas do Xacobeo 2027” e animou a explorar os diferentes Camiños de Santiago e a descubrir o patrimonio que forma parte da identidade de Galicia.
Pola súa banda, Marta Villaverde salientou que estas iniciativas permiten avanzar na posta en valor dunha cultura marítima que forma parte esencial da identidade galega e facilitarán tanto a protección e o estudo dos bens como a súa divulgación dentro e fóra da comunidade. A conselleira do Mar reafirmou, ademais, o compromiso da Xunta con seguir recuperando, preservando e dando visibilidade ao patrimonio marítimo galego.