A Xunta proxecta Galicia como destino cultural e turístico no IX Congreso de Editores de Europa, América Latina e o Caribe
O director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, participou nun dos actos do IX Congreso de Editores de Europa, América Latina e o Caribe, un foro internacional que xunta directivos, editores e responsables dalgúns dos principais medios de comunicación do espazo iberoamericano e europeo.
Na súa intervención, Ramos puxo en valor o potencial de Galicia como destino turístico, cultural e gastronómico, que se verá reforzado coa celebración do Xacobeo 2027, “unha oportunidade histórica para darlle un novo pulo internacional á marca Galicia Calidade”.
O director referiuse ao Camiño de Santiago como elemento vertebrador e de unión entre territorios e culturas, e salientou o importante compoñente espiritual que ten. O 46,6% das persoas que recolleron a Compostela o ano pasado manifestaron unha motivación relixiosa para facer o Camiño. En 2025, a Oficina do Peregrino entregou 531.000 compostelas, cun incremento do 6% respecto do ano anterior, e máis da metade foron a peregrinos estranxeiros.
En relación co Xacobeo 2027, o director explicou que a Xunta está a traballar nunha programación histórica que abranguerá todo o territorio, combinando actividades culturais, deportivas e académicas, coa colaboración público-privada e a participación do sector privado. A estratexia inclúe un Plan Director de Patrocinios, axudas fiscais e liñas de apoio económico, así como actuacións de mantemento, sinalización e seguridade en máis de 150 km das rutas xacobeas. Segundo Ramos, estas medidas buscan garantir a mellor experiencia para os peregrinos e reforzar a imaxe de Galicia como destino acolledor, amable e hospitalario.
Case 9 millóns de turistas
O director da representación institucional da Xunta destacou que Galicia recibiu o pasado ano 8,8 millóns de turistas. O balance de 2025 deixa 13,5 millóns de pernoitas e unha facturación de máis de 450 millóns de para o sector hoteleiro. Un dos datos sobre os que quixo chamar á atención é o incremento do 7% da rendibilidade de hoteis e pensións. Para Ramos, estes resultados constatan o éxito dun modelo turístico baseado nos recursos do noso territorio, calidade e sustentabilidade.
Finalmente, Luis E. Ramos convidou aos participantes do Congreso a descubrir Galicia, destacando o seu patrimonio, a súa gastronomía, a súa cultura e a súa natureza, e subliñou que o Xacobeo 2027 será unha oportunidade única para amosar ao mundo o potencial de Galicia como destino turístico e cultural de excelencia.