A Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas elaborará unha alfombra de flores ante a Catedral da Almudena

Outros eventos en Madrid
11/09/2021
11/09/2021
09/11/2021

A Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas elaborará unha alfombra de flores ante a Catedral da Almudena

A Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas, foi convidada polo Cabildo da Catedral da Almudena, para participar na procesión de Santa María A Real, onde fará unha particular ofrenda floral, elaborando unha alfombra de flores, para o paso da Virxe, como as que se fan en Ponteareas con motivo da festa do Corpus Christi. Para iso membros da Asociación de Alfombristas de Ponteareas viaxarán o próximo día 6 de novembro a Madrid para confeccionar na madrugada do martes día 9 unha alfombra de flores na rúa Bailén diante do a porta do Príncipe do Palacio Real . 

O deseño da alfombra é unha chiscadela ao Camiño de Santiago que pasa por Madrid e une a capital de España co Camiño Francés. Camiño que, cruzando a serra de Guadarrama polo porto da Fuenfría, a 1.796 metros de altitude, é o teito dos camiños xacobeos na península.

Por iso, neste ano Santo Xacobeo 2021 queremos tamén destacar, de forma simbólica, dúas Catedrais, a da Almudena e a de Santiago unidas polo camiño que percorren miles de peregrinos.

A alfombra será cadrada sobre 50 m2 de superficie. As flores serán principalmente: caraveis, buganvillas, hortensias e o resto de elementos vexetais serán levados desde Galicia para confeccionala.

A vila de Ponteareas, no sur da Provincia de Pontevedra, alcanzou especial renome pola celebración da festividade de Corpus Christi, onde os veciños confeccionan artísticas alfombras de flores naturais para o paso da procesión do Santísimo Sacramento

Trátase dunha obra colectiva que expresa a cultura popular das xentes de Ponteareas que, ao longo de douscentos anos, souberon conservar e promover esta celebración, recoñecida como “Festa de Interese Turístico Internacional”. É pois a festa do CORPUS CHRISTI a máis representativa de Ponteareas. Esta confección das alfombras florais serviulle a Ponteareas para ser coñecida como "A Vila do Corpus". Pola súa historia e tradición secular Ponteareas é “O Berce do Alfombrismo Español”.

Esta iniciativa parte de D. Antonio Troncoso de Castro, veciño de Madrid, pero natural de Ponteareas, e fillo Predilecto desde 1996 da Vila do Tea, que se puxo en contacto coa Asociación de Alfombristas Do Corpus Christi de Ponteareas para facer esta ofrenda a Santa María a Real da Almudena, e ao que lle estamos agradecidos.

Desde a Asociación de Alfombristas Do Corpus Christi de Ponteareas, queremos agradecer ao Cabildo da Catedral da Almudena, e principalmente a D. Jesús Junqueras Prats por facer posible nosa ofrenda a Santa María a Real da Almudena . 
 

09 Novembro 2021
Outros eventos en Madrid
Imaxes