O Turismo Rural de Galicia e o mellor da gastronomía autóctona de tempada danse a man para celebrar o ‘16 Outono Gastronómico en Turismo Rural’. As cociñas e restaurantes das 73 casas rurais participantes nesta edición manterán os seus fogóns a pleno rendemento ata o 22 de decembro de 2022 para ofrecer ao público asistente os mellores produtos de tempada da gastronomía local de cada comarca galega.
Todos os venres, sábados e domingos ata antes de Nadal, cada casa rural ofrecerá a un prezo especial dous menús alternativos, especialmente concibidos para a ocasión, cos mellores produtos autóctonos de tempada, con receitas tradicionais, e maridados con viños dalgunha das cinco Denominacións de Orixe de Galicia.
Os produtos cos que se elaboran todos os menús do ‘Outono Gastronómico’ teñen certificación de calidade avalados pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, xa sexan produtos con Denominación de Orixe Protexida (DOP) ou con Indicación Xeográfica Protexida (IXP), e de produción ecolóxica.
Ademais, durante esta campaña, a Axencia de Calidade Alimentaria organizará degustacións de produtos de calidade e actividades relacionadas co coñecemento dos provedores, que serán gratuítas e exclusivas para os clientes do ‘Outono Gastronómico’ aloxados nas casas participantes.
A promoción inclúe a posibilidade de combinar o ‘Menú Outono Gastronómico’ co aloxamento a prezo especial nas casas rurais participantes; durante unha noite, co ‘Paquete Outono Gastronómico’; ou dúas noites, co ‘Fin de semana Outono Gastronómico’.
Para redondear a experiencia, do mesmo xeito que na edición anterior, o público que acuda a esta oferta poderá gozar de actividades complementarias como paseos dacabalo, rafting, sendeirismo, visitas culturais, etc., naqueles establecementos que oferten estes servizos, no que se denominou Outono Plus.
Outra das novidades desta edición do ‘Outono Gastronómico’ é o programa de fidelización OuBono Gastronómico, ao que se pode acceder de forma gratuíta aloxándose durante dous fins de semana en calquera dos establecementos participantes na promoción. O Oubono dá dereito a outra fin de semana gratuíta en calquera das casas participantes. O número total de Oubonos que se emitirá nesta edición será de 25, que serán entregados por orde de solicitude.
Podes consultar os menús, a listaxe de casas participantes, os prezos e as bases e condicións da promoción descargándoche o Folleto do 16 Outono Gastronómico.