Esta ponte ven a Galicia a gozar do ‘Outono Gastronómico en Turismo Rural’

Os mellores produtos autóctonos de tempada, elaborados con receitas tradicionais, en paraxes naturais únicos

Entramos no último mes do outono e, por tanto, tamén nos últimos fins de semana nos que poderemos gozar da auténtica gastronomía galega de tempada que nos brinda o ‘Outono Gastronómico en Turismo Rural de Galicia’, que ata o vindeiro domingo 17 de decembro pon ao dispor dos visitantes os mellores produtos gastronómicos de cada comarca a prezos moi competitivos.

A ponte de decembro constitúe pois unha magnífica oportunidade para achegarse a algunha das 79 casas rurais de Galicia participantes na promoción, que ofrecen dous menús diferentes cada unha, elaborados especialmente para a ocasión cos mellores produtos autóctonos de tempada, con receitas tradicionais e maridados con viños dalgunha das Denominacións de Orixe galegas, a un prezo moi especial, e que podemos combinar con paquetes que inclúen a pernoita por unha noite ou durante toda a fin de semana, e con actividades complementarias de lecer como paseos dacabalo, descensos en canoa, sendeirismo, visitas culturais etc.

E todo iso, no medio de paraxes naturais de gran beleza nos que ríos e fervenzas de cristalinas augas, frondosos e coloridos bosques, o seu rico patrimonio cultural e as súas encantadoras vilas convídannos a deixarnos cativar e a gozar plenamente da tranquilidade do rural galego.

Os produtos cos que se elaboran os menús do ‘Outono Gastronómico’ teñen certificación de calidade avalada pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria, con Denominación de Orixe Protexida ou con Indicación Xeográfica Protexida, e de produción ecolóxica.

Accede e descárgache a Guía do Outono Gastronómico 2023 para consultar as casas dispoñibles, os menús ofertados, as actividades complementarias programadas, e os prezos de oferta desta promoción.

Imaxes