Desde hai 30 anos, a localidade coruñesa celebra o Festival de Música Celta, declarado de Interese Turístico Internacional.
Situada entre dous dos lugares máis impresionantes da costa galega: Cabo Ortegal e Estaca de Bares, esta pequena vila do norte da provincia da Coruña multiplica durante tres días a súa poboación, xa que nela celébrase un dos festivais de música celta máis importantes do mundo, e posiblemente o evento cultural que máis xente reúne durante o verán en Galicia.
Os días 11, 12 e 13 de xullo, e rodeados de preciosas praias, vestixios arqueolóxicos, tradicións de fortes raíces célticas,... e por suposto dun inmellorable ambiente, os visitantes que se achegan á localidade, poden gozar coa música dos mellores artistas do Occidente Atlántico, que presentan as súas obras en diferentes escenarios, ben sexan nóveles ou xa consagrados.
Pero esta importante cita non só se limita á música, presente a cada hora e en cada recuncho, senón que tamén se organizan actividades paralelas e habilítanse espazos alternativos, buscando completar a oferta para o público interesado en profundar na realidade cultural da contorna atlántica e en aproveitar ao máximo unha experiencia que sen dúbida repetirá. Así, desde a zona preparada para a acampada na praia de Morouzos, pasando por exposicións de cerámica ou de instrumentación musical, e mesmo por xornadas sobre estudos celtas, amplíase o abanico de posibilidades do evento.
É o Festival de Ortigueira unha gran oportunidade para escoitar boa música, gozar dun bo ambiente e á súa vez, poder explorar unha zona de gran beleza como é a comarca de Ortegal.
Máis información: www.festivaldeortigueira.com