O Camión do Xacobeo instalarase na Praza de Oriente e a Praza de Colón de Madrid do 15 ao 17 de xuño.

Presenta a oferta do Ano Santo e de Turismo de Galicia en 12 cidades de España e Portugal 
O camión do Xacobeo, unha unidade móbil que presenta as oportunidades do Ano Santo e a oferta turística de Galicia, visitará Madrid os días 15, 16 e 17 de xuño. O primeiro día instalarase na Praza de Oriente, cun horario de apertura ao público de 11:00 a 14:00 e de 16:00 e 19:00 horas, mentres que os outros dous días estará na Praza de Colón en horario ininterrompido de 11:00 a 20:00 horas.

Trátase dunha estrutura móbil que conta cun espazo de información turística e unha instalación audiovisual no interior á que poderán acceder os visitantes que o desexen para mergullarse visualmente nos recursos e produtos turísticos máis importantes da comunidade galega -co Camiño de Santiago como protagonista- e coñecer de primeira man as oportunidades que presenta a celebración do Ano Santo 2021-2022.

O camión promocional conta tamén cunha exposición de pezas de artesanía, pantallas dixitais sobre a oferta turística, produtos con denominación de orixe e indicación xeográfica protexida, e un set fotográfico conmemorativo do Xacobeo no que os visitantes son agasallados cunha fotografía instantánea que se poderán facer neste espazo.

O camión iniciou a xira en Gijón e Oviedo, e visitará 10 cidades españolas e dúas portuguesas durante o mes de xuño, con estancias de dúas xornadas en cada cidade, agás Madrid e O Porto, nas que estará presente durante 3 días.

Esta iniciativa ponse en marcha co obxecto de continuar impulsando o turismo de proximidade, xa que as localidades que se visitarán correspóndense coas 12 cidades de maior poboación situadas a menos de 600 quilómetros de Galicia.

Este vehículo supón un reclamo publicitario en roteiro, tanto polo seu deseño exterior como polas gráficas e elementos de promoción incluídos para poñer en valor recursos como o Camiño de Santiago, a paisaxe, a natureza, a enogastronomía ou o patrimonio cultural.

Despois de visitar as cidades de Gijón, Oviedo e León, o calendario do percorrido da unidade móbil de promoción turística e do Xacobeo é o seguinte: Santander, 8 e 9 de xuño; Bilbao, 10 e 11 de xuño; Burgos, 12 e 13 de xuño; Madrid, 15, 16 e 17 de xuño; Valladolid, 18 e 19 de xuño; Zamora, 20 e 21 de xuño; Salamanca, 22 e 23 de xuño; Oporto, os días 25, 26 e 27 de xuño, e Braga, o 28 e 29 de xuño.

Imaxes