A Festa do Marisco do Grove, declarada de Interese Turístico Nacional en 2013, volve á súa tradicional cita anual tras dous anos de parón forzoso pola pandemia. A partir do xoves 29 de setembro do 2022, o mellor marisco da Ría de Arousa volverá facer as delicias dos asistentes á gran carpa de degustación da Praza do Corgo, fronte ao porto da localidade pontevedresa. A edición deste ano, que será a número 59, prolongarase ata o mércores 12 de outubro, para incluír a ponte do Pilar, como é tradición.
A Festa do Marisco O Grove celébrase cada ano coincidindo coa ponte do Pilar, nas primeiras semanas de outubro, cando o marisco atópase na súa época de esplendor por abundancia, tamaño e sabor, e na que aínda se lle pode aplicar uns prezos alcanzables para todos os petos, antes de que comece a escalada de prezos previa ao nadal. A gran calidade dos produtos do mar ofrecidos a un prezo axustado, o gran ambiente festivo e os espectáculos e concertos que inclúe o programa de actividades propicia que decenas de miles de persoas teñan estas datas marcadas no seu calendario para facer unha escapada de turismo gastronómico a esta localidade pontevedresa situada no corazón das Rías Baixas.
A repercusión do evento e a afluencia de público é tan grande que ano tras ano os hoteis e establecementos da comarca do Salnés e arredores colgan o cartel de completo durante estas datas, o que a converten nunha das festas gastronómicas máis importantes de España e reforza a súa candidatura á declaración de Festa de Interese Turístico Internacional.
Ademais da propia actividade gastronómica en torno ao marisco e ao viño, desde o primeiro día haberá un completo programa de actividades con música en vivo, un encontro de vespas e lambretas, sesións de vermú, actividades infantís con xogos tradicionais, regatas de dornas (embarcación típica) a vela e a remo, noites meigas con celebración da ‘Gran Queimada’, carreiras populares, a feira de oportunidades ‘Grovestock’, xornadas gastronómicas ‘A Cociña do Mar’ e, como colofón, a actuación das Tanxugueiras o 11 de outubro.
Os horarios de apertura das casetas para a venda e degustación de marisco e viño serán moi amplos durante todos os días da festa:
-De luns a xoves: de 12.00 a 16.30 horas e de 19.00 a 22.30 horas.
-De venres a domingo: de 11.30 a 17.00 horas e de 19.00 a 23.00 horas.