Concerto de Lume de Biqueira na sala A Riviera, o 13 outubro polo seu "XX Aniversario"

Actos
10/13/2018
10/13/2018
13/10/2018

Concerto de Lume de Biqueira na sala A Riviera, o 13 outubro polo seu "XX Aniversario"

A internacional Banda de Gaitas contará tamén coa actuación do grupo folk Pan de Capazo

A internacional Banda de Gaitas Lume de Biqueira ofrecerá un extraordinario concerto na sala La Riviera o próximo 13 de outubro ás 19 horas, dentro dos actos programados para celebrar o vixésimo aniversario da súa formación. Será un acto ao grande no que tamén contarán co grupo folk Pan de Capazo que quixo acompañarlles en tan sinalada data.

Desde esta páxina queremos unirnos a tan grande acontecemento e difundilo entre todas aquelas persoas amantes da música tradicional pero tamén innovadora, con temas de sempre e outros que formarán parte do novo disco.  En Lume de Biqueira son, ante todo, uns loitadores que conseguiron superar con éxito duras etapas, só con esforzo, traballo e un tesón a proba de titáns, polo que merecen un recoñecemento adicional.

Para escoitar como soan pica AQUÍ

Para coñecer máis sobre Lume de Biqueira pica AQUÍ

Para comprar entradas pica AQUÍ

Lume de Biqueira Banda de Gaitas, (Pipe Band) son unha banda de gaitas galegas radicada en Madrid, que este ano cumpre 20 desde a súa formación. Lume de Biqueira significa, literalmente lume da punta do zapato, en alusión ás faíscas que saltaban ao chocar contra o chan as punteiras metálicas dos zocos de outrora.

Lume de Biqueira é probablemente, segundo a opinión dos especialistas, a máis espectacular banda de gaitas de España. Fundada en 1998, evolucionou ata consolidar un estilo de fusión único, que podería denominarse Música Celta Latina, coa incorporación de instrumentos como baixo eléctrico, guitarra, violín, percusión caribeña...

Lume de Biqueira desprazouse este verán a China para participar no China International Wind Music Festival que tivo lugar nas cidades de Dalian e Pequín e cuxa participación incluía varias marabillosas actuacións e unha especialmente relevante na Gran Muralla. "Foi unha grandísima experiencia poder tomar parte en tan singular evento", comentáronnos persoalmente á volta algúns integrantes, para os que tamén resultaron inesquecibles os irmandamentos con bandas locais, así como con outras bandas participantes procedentes de México, Polonia, Austria e Hungría. 

Durante a tempada a banda alterna actuacións locais en España con ensaios semanais pero nos últimos anos as súas aparicións internacionais en festivais de renome deron unha nova dimensión ao grupo: The William Kennedy International Piping Festival en Armagh (Irlanda do Norte 2011), o Festival Interceltique de Lorient (2016), The Belfast Tattoo (2014 e 2017), o Festival de Filets Bleus en Concarneau (Bretaña 2016), The Glasgow Tattoo (2017), o Festival Saulelè Raudona (Lituania 2016), e o de China deste ano (2018).

Agora celebran o seu vixésimo aniversario con varios actos de entre os que destaca o concerto do día 13 de outubro na Riviera, unha cita ineludible para os amantes deste tipo de música.

13 Outubro 2018
Actos
Imaxes