Conferencia de Miro Villar: "Florencio Delgado Gurriarán, o poeta galeguista no exilio mexicano" e presentación do nº 24 da Revista de Estudios Gallegos.Madrygal

Eventos
05/04/2022
05/04/2022
04/05/2022
O Centro de Estudos Galegos da UCM celebra o Día das Letras Galegas 2022

Conferencia de Miro Villar: "Florencio Delgado Gurriarán, o poeta galeguista no exilio mexicano" e presentación do nº 24 da Revista de Estudios Gallegos.Madrygal

Galicia celebrará o próximo 17 de maio o Día das Letras Galegas, e por este motivo o poeta e crítico literario, Miro Villar, pronunciará unha conferencia dedicada ao poeta de Valdeorras, que se viu forzado a exiliarse en México tras o levantamento militar de Franco, debido ás súas ideas republicanas, a súa pertenza ao Partido Galeguista e por publicar en cabeceiras como A Nosa Terra e a revista Nós.

Avogado de formación, Delgado Gurriarán tocou todos os paus literarios que lle foron posibles: foi poeta, articulista, tradutor de poesía interlingüística e editor, pero sobre todo, é coñecido polo seu activismo cultural e por ser ponte entre a Galicia exiliada en México e a Galicia interior.

Miro Villar (Cee, 1965). Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada coa Tese A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e estudo. Profesor de lingua e literatura galegas, poeta, narrador, tradutor e crítico literario. Formou parte do Batallón Literario da Costa da Morte e como poeta publicou Ausencias pretéritas (1992), 42 décimas de febre (1994), Abecedario da desolación (1997; premio Tívoli-Europa 1998), Equinoccio de primavera (1998; finalista do premio Tívoli-Europa 1999), Gameleiros (2002, co fotógrafo Manuel Álvarez), As crebas (2011; premio Concello de Carral, 2010) e Breizh (2012). Poemas seus foron traducidos ao castelán, portugués, italiano, francés, alemán, inglés, ruso, albanés e serbo-croata en Il cammino dei Santiago. A giovane poesia d'europa nel 1997. Os seus versos figuran en numerosas revistas literarias e en varias antoloxías. A súa bitácora persoal www.crebas.blogaliza.org, activa desde xuño de 2011, foi Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega ao mellor blogue literario en 2012.

Despois da conferencia, terá lugar á presentación do volume 24 da Revista de Estudios Gallegos. Madrygal, por parte de Ricardo Pichel. Esta revista, editada polo Centro de Estudos Galegos da UCM, está orientada á investigación da lingua, a literatura e a cultura galegas. Nela teñen cabida estudos de carácter literario, lingüístico ou histórico. Ademais dos artigos científicos, conta tamén con seccións de creación (poesía, narrativa e teatro), crónicas, tradución, entrevistas e recensións de libros da especialidade.
 

04 Maio 2022
Eventos
Imaxes