Inauguración da exposición de FERNANDO CARBALLA, "Materia do inefable"

Eventos
10/04/2022
10/04/2022
04/10/2022

Inauguración da exposición de FERNANDO CARBALLA, "Materia do inefable"

A Casa de Galicia en Madrid acollerá durante o mes de outubro a mostra "Materia do inefable", do artista pontevedrés Fernando Carballa. Estamos diante da obra dun creador que xoga constantemente a desvelar a materia e, nesta ocasión, preséntanos o misterio a través da lixeira e suxestiva porcelana, pero tamén coa forza primixenia do barro. A súa atracción pola figura humana, sempre presente, a través das diversas representacións de cabezas, atrápanos nun mundo simbólico e conceptual, moi propio do autor.

O acto de inauguración terá lugar o martes, día 4, ás 19:30 horas, durante o cal o autor da obra estará acompañado da guionista Caridade Fernández. A mostra poderá visitarse ata o 28 de outubro, en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Domingos e festivos: de 10:00 a 14:00 horas.

Fernando Carballa é un artista pontevedrés licenciado pola Facultade de Belas Artes de Madrid cunha obra que se caracteriza polo equilibrio das formas e a linguaxe das súas obras escultórico-pictóricas, que ten por obxectivo atrapar ao espectador nun mundo simbólico. 

'Materia do inefable', segundo palabras de Lola Varela, prologuista do catálogo da exposición, é a luz, a cor, o baleiro e a materia, aspectos fundamentais da creatividade do artista e ofrece unha mensaxe oculta que se atopa tras a contemplación da obra, aquilo do que fala o artista e que resulta ser a esencia do traballo. 

A obra de Fernando Carballa ofrécenos un periplo marcado pola preocupación que lle suscita a forma como elemento para crear un diálogo coa materia. Esa materia, que en palabras da escritora Elvira Ribeiro, a alquimia dos catro elementos, ben porcelana espida na súa brancura ou ben esmaltada, chéganos transformada na sabedoría e equilibrio do cubo, como no ciclo da vida que encarna a espiral, ou  nesa representación do poder do individuo que é a cabeza. 

04 Outubro 2022
Eventos
Imaxes