Inauguración da exposición de fotografía "CRÓNICA DA PEGADA DO PORCO CELTA EN GALICIA"

Eventos
02/13/2023
02/13/2023
13/02/2023

Inauguración da exposición de fotografía "CRÓNICA DA PEGADA DO PORCO CELTA EN GALICIA"

Testemuño en imaxes da historia recente da única raza porcina autóctona galega

Esta mostra ten como obxectivo dar a coñecer e poñer en valor a única raza porcina autóctona galega, así como os seus produtos derivados e o labor desenvolto polos homes e mulleres que loitan cada día pola súa recuperación.

Intervirá no acto José Barreira Alonso, presidente de ASOPORCEL.
Ao finalizar a presentación, ofrecerase aos asistentes unha degustación de produtos derivados da raza Porco Celta.

Ás portas de celebrar o medio cuarto de século de traballo, desde a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel), ponse en marcha unha mostra fotográfica itinerante na que se narra a evolución da historia recente do Porco Celta, a única raza porcina autóctona galega.

Aínda que é innegable que, grazas ao labor dun centenar de gandeiros e gandeiras da comunidade, a raza goza cada día de mellor saúde e recoñecemento, tampouco se debe perder de vista que o Porco Celta continúa estando, hoxe en día, en perigo de extinción, polo que o traballo a favor da súa recuperación segue sendo moi necesario.

Así pois, como parte das accións de promoción deste porco galego, esta mostra proponnos facer un repaso pola evolución da raza no último século e buscar espertar o interese entre o público co finde  axudar a preservar este animal e achegarse a saborear os seus produtos derivados. 

A raza Porco Celta era a máis importante en Galicia a comezos do pasado século, ata que, a partir dos anos cincuenta, iniciouse unha importante redución censual debido principalmente á importación doutras razas cuxo crecemento era máis rápido e as cales tiñan un maior rendemento, e desprazando á única raza porcina autóctona galega, o que a levou a unha situación de perigo de desaparición.

O inicio da recuperación da raza Porco Celta e das súas producións pode situarse a partir de 1999. O interese parte da Xunta de Galicia, concretamente da entón Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, que, consciente da diminución xenética, social e económica que supoñería a desaparición desta raza, puxo en marcha os medios técnicos e as infraestruturas necesarias para a súa recuperación.

O censo destes animais experimentou un incremento progresivo desde inicios do ano 2000 ata a actualidade, cun aumento no número de ganderías rexistradas, o que repercutiu positivamente nun crecemento do censo total da poboación do Porco Celta.

Actualmente, o Porco Celta está incluído no Programa nacional de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras como raza autóctona española en perigo de extinción.

A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) leva case un cuarto de século velando pola recuperación deste porco autóctono. Xunto coas súas tarefas centrais –a xestión do libro xenealóxico e o traballo en granxa (cualificación e selección de reprodutores, identificación de leitóns, aplicación do programa sanitario…)–, tamén se encarga da formación e o asesoramento gandeiro, e da promoción e participación en proxectos de I D i, todos eles eixos esenciais para garantir a profesionalización e a continuidade desta actividade.

Especialmente nos últimos anos, o seu desempeño creceu de maneira exponencial: hoxe en día, cóntanse por ducias o número de iniciativas nas que está presente o Porco Celta, entre xornadas técnicas, campañas de promoción, comunicación en medios, charlas informativas, feiras, concursos, desfiles, exposicións, exhibicións de gando, catas de produto…

13 Febreiro 2023
Eventos