Inauguración da exposición de pintura "ESTAMPAS DE COMPOSTELA", de Plácido Amboage F.

Eventos
02/02/2022
02/02/2022
02/02/2022

Inauguración da exposición de pintura "ESTAMPAS DE COMPOSTELA", de Plácido Amboage F.

A mostra, composta por un conxunto de obras realizadas en tinta chinesa e acuarela, está dedicada en exclusiva á capital de Galicia, a súa cidade natal, e aos seus recunchos máis icónicos e inéditos realizados in situ polo autor con plumilla empregando ás veces o branco e negro da tinta chinesa e outras a cor.
Unha viaxe máxica a través dos sentidos, que poderá visitarse ata o 27 de febreiro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.

Segundo Unai González, prologuista do catálogo desta exposición, o artista pretende que "os visitantes, con ollos ávidos de morriña e saudade, poidan ver nos diferente cadros, paisaxes dos seus recordos e vivencias desde un punto de maxestosa técnica que mestura realismo con maxia, costumismo e tradición, crenza e superstición".

Nesta colección de obras plasma os lugares máis destacados de Compostela, como a Rúa do Villar, ou a Rúa Nova, así como a Torre do Reloxo ou Berenguela, a propia catedral e as súas torres desde o Paseo da Ferradura, que nos transportan a lugares que merece a pena visitar e gozar a través dos sentidos.

Plácido Amboage naceu en Santiago de Compostela (1945). Despois de cursar estudos de Bacharel nesta cidade trasladouse a Madrid, para ingresar na Escola de Artes e Oficios, onde obtivo o título de delineante e, de debuxante publicitario. Posteriormente regresou á súa cidade natal, onde cursou estudos de Dereito e, na actualidade é funcionario da Administración de Xustiza.

Realizou exposicións en varias ocasións, en Santiago (exposición de óleos na aula de Cultura da Caixa de Aforros de Galicia.1982), ( exposición " A paixón de Cristo, en base aos gravados de Gustavo Doré", no Centro Cultural de Vite.2006), en Villagarcía ("Paisaxes de Santiago" na Casa do Mar.1990 ) ou en Boiro (exposición de óleos "Xesucristo", na sala de exposicións O Faiado.2004), participando tamén en exposicións colectivas como no Certame das Balconadas en Betanzos ou no Certame Unión Fenosa (Mostra IV. A Coruña).

Conta con distintos premios, como o Premio Nacional de Deseño Gráfico "San Froilán 86", "A Semana Verde de Galicia", celebrado en Silleda, ou "A Segunda Semana do Mar" en Ribeira.

02 Febreiro 2022
Eventos
Imaxes