Inauguración da exposición de pintura "O NOSO CAMIÑO", de Pilar Quintás e Esperanza Martínez de Salinas

Eventos
09/19/2019
09/19/2019
19/09/2019

Inauguración da exposición de pintura "O NOSO CAMIÑO", de Pilar Quintás e Esperanza Martínez de Salinas

-

Esta exposición de pintura é un interesante exercicio de análise do efecto fotosensible en dúas vidas parelelas dedicadas á pintura, dous artistas e amigas, con dúas maneiras de narrar a natureza e a luz, nunha viaxe de ida e volta a Galicia e cun obxectivo común ao longo de 25 anos: a arte ao servizo da emoción con, desde e para a Amizade

Poderá visitarse ata o 30 de outubro en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.

Esperanza Martínez de Salinas (Madrid, 1968) ten a luz da natureza exuberante como denominador común da súa obra. Esperanza é dos bosques, praias e ribeiras galegas, onde atopa a inspiración que reflicten as súas obras. De aí procede a luz que atrapa, a través dos pigmentos, nos lenzos.

Busca unha luz suave, con sombras matizadas, con raios de sol entre as ramas, onde as árbores case non deixan ver o bosque. A súa técnica pictórica, baseada nunha premeditada pincelada espontánea, fálanos dun tributo ao impresionismo, máis que por estética, por ética: a captura intemporal da experiencia da luz.

Pilar Quintás (Santiago de Compostela, 1963) volve co afán de atopar a intensidade da luz noutras latitudes. Nas súas pinturas achamos un trazo impresionista da súa espátula, e unha relación máis íntima coa cor. Esta inmersión na cor, con certo aroma expresionista, confirma que estamos ante unha artista que conserva a ilusión de traducir aos nosos ollos profanos a mística especial da luz a través da súa peculiar mirada, en continua evolución.

 

19 Setembro 2019
Eventos