Inauguración da exposición de pintura "SALITRE", de Amalia Costa Bouzas

Eventos
03/13/2023
03/13/2023
13/03/2023

Inauguración da exposición de pintura "SALITRE", de Amalia Costa Bouzas

Esta pintora, natural de Muros, preséntanos unha obra que está definida pola cor, máis que pola forma. Trátase dunha colección de 12 pezas presentadas baixo o título “Salitre”, un conxunto de paneis de grandes dimensións que basean a súa forza nesa excepcionalidade pictórica de Amalia: a artista constrúe unha pintura que non necesita de moitas explicacións para ser absorbida como experiencia sensorial abafadora, unha ‘fascinación’ entre visual e táctil.

A mostra poderá visitarse ata o 31 de marzo en horario de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.

"Salitre" fala da Ría de Muros; esta ría domina a realidade, condénsaa. A liña de costa, moi próxima; a baixamar, deixando ás descuberto pozas con vida incipiente, algas e peixes diminutos; a orixe de todo. A artista pretende darlle valor ao próximo, todo o máis próximo. Non busca o exotismo, nin o fantástico nos seus excesos. Quere expresar sentimentos apoiándose no que coñece, no que sempre está con ela, rodeándoa; tan preto que ás veces nin sequera reparamos niso.

Amalia pinta os seus ‘recordos’ de Muros. A súa temática, segundo ela mesma declara, é simplemente ‘o mar’. Un tema que provén da memoria da infancia, e preséntase como unha amálgama de sensacións ‘primarias’ expresadas nunha linguaxe visual moi poderoso. Pero que é o mar: o mar de Amalia é o ‘caldo primigenio’ onde se forma a mancha da vida, a metáfora é máis ben unha pinga de auga analizada ao microscopio: ‘Non pinto o océano, senón unha poza’. Aí hai un ‘mundo’ de ‘obxectos’ misteriosos. Poden ser boias, redes, barcas, os reflexos das ondas, ou o salitre... pero tamén son os animais fantasiosos do medo submarino, os liques, as algas, os misterios da profundidade do mar. 

Amalia Costa cursou estudos na Universidade de Santiago de Compostela. Participou na exposición itinerante da Deputación da Coruña no ano 2010, Arte na Provincia II. Recibiu o premio Crearte na Universidade, 2016. Participou nas edicións de 2017 e 2018 na mostra de pintura PASEARTE, en Santiago de Compostela. Realizou diversas exposicións, tanto individuais como colectivas, para os concellos de Muros e A Pobra do Caramiñal.

13 Marzo 2023
Eventos
Imaxes