Inauguración da exposición de pintura "Soño e presenzas, paisaxes e retratos", de CELSO VARELA

Eventos
05/05/2022
05/05/2022
05/05/2022

Inauguración da exposición de pintura "Soño e presenzas, paisaxes e retratos", de CELSO VARELA

A Casa de Galicia inaugura o xoves, 5 de maio, unha exposición retrospectiva do pintor pontevedrés que está composta por cadros dos últimos anos da súa actividade artística, así como polas súas creacións máis recentes. Trátase dunha selección de obras de gran e medio formato nas que destacan a paisaxe da súa terra e o retrato. Esta exposición poderá visitarse ata o 30 de maio, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas.Festivos: de 10 a 14 horas.

Nacido en Briallos (Portas, 1952), Celso Varela acumula unha longa traxectoria expositiva, tanto en mostras individuais como colectivas. Desde a primeira exposición individual na pontevedresa sala Torrado, en 1976, celebrou unha vintena delas en Galicia, París e Roma. Na capital italiana expuxo en 2014 no Instituto Cervantes, baixo o influxo dun poema de Manuel Álvarez Torneiro. Máis tarde, realizou unha estancia convidado na Academia de España en Roma, onde estivo a pintar un mes. A súa obra formou ademais parte de 13 mostras colectivas en diferentes vilas galegas e en Madrid.

Pintor figurativo, nos seus trazos albíscanse influencias dos impresionistas, expresionistas e abstractos, aínda que sen seguir o ronsel de ningún movemento en concreto. Celso Varela é un artista autodidacta e realiza a súa obra cunha técnica temperamental e impulsiva e un cromatismo intenso, conseguindo así unha obra plenamente actual partindo dos métodos e elementos tradicionais da pintura. "As súas pinceladas destacan pola súa rica gama de ocres, amarelo, sienas, marróns, laranxas, verdes ou grises, saen do particular clima atlántico, luminoso e tépedo, pero non menos que o uso dunha paleta singular que observa o mundo inspirado por unha pintura totalmente persoal", así describe o seu estilo Fátima Otero Bouza, doutora en Historia da arte e prologuista do catálogo da exposición.

Sobre a súa obra opinaron críticos, poetas, pintores e escritores, como Manuel Torres, Solla, Ruibal, X. Antón Castro, Suso Varela, Alfredo Conde, José Pérez-Guerra ou Tomás Paredes.

Aprazada esta exposición durante dous anos como consecuencia da pandemia, esta mostra, que abarca unha ampla etapa artística do pintor, desde 2004 ata 2022,  representa un paso máis no éxito e recoñecemento do intenso traballo de Varela, que se prolonga no tempo durante décadas de ensaio e afianzamento dunha obra plástica personalísima, e hoxe xa fundamental para comprender a evolución da arte contemporáneo en Galicia.

05 Maio 2022
Eventos