Inauguración da exposición didáctica de traxes tradicionais de Galicia, de Susana Peleteiro Fernández

Eventos
03/02/2023
03/02/2023
02/03/2023

Inauguración da exposición didáctica de traxes tradicionais de Galicia, de Susana Peleteiro Fernández

María Susana Peleteiro Fernández bríndanos a oportunidade de facer unha viaxe a través da historia de Galicia e a súa tradición. Poderá visitarse ata o 31 de marzo, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.

A exposición, elaborada por Mª Susana Peleteiro Fernández, consta de 40 bonecas con traxes de diferentes épocas, comarcas e usos sociais (traxes de traballo, traxes de ir á feira, traxes de gala ou garda, un traxe de danza cerimonial...); os textos, nos que se fai un percorrido pola historia do vestir tradicional e da representación gráfica dos traxes populares, que condicionou o concepto que deste aspecto do noso patrimonio tívose e tense; fotografías antigas de traxes ou pezas de traxes vestidos polos nosos devanceiros e algunhas pezas de vestir e útiles usados no proceso da confección dos traxes, como unha cofia ou un mandil, peza única, confeccionado en veludo e cristal de Bristol.

Con cada traxe mostrado nas bonecas acompáñanse fotografías do modelo real e os datos que se solicitaron da orixe da vestimenta, moitos deles investigados por expertos como Francisco Rodríguez (Pancho), Alberto Golpe Beceiro, grupo de Música e baile tradicional Brincadeira, Museo do Pobo Galego, etc.

Antigamente a vestimenta (roupa, calzado e complementos como tocados de cabeza, calzado, adornos, xoias, etc) falaba da orixe da persoa, da súa pertenza a determinado grupo ou status social, así como do seu nivel económico; mesmo se convertía en manifestación do seu estado civil (segundo a persoa fose prometida, casada, viúva... e así ata cinco estados en determinados lugares) constituíndo estes sinais verdadeiros signos identitarios.

Os tecidos, as tinguiduras aplicadas para a súa coloración, os materiais dos complementos (sistemas de peche como botóns, lazos e presillas, o calzado, os adornos) procedían normalmente da contorna. Só os máis podentes podían permitirse adquirir tecidos e materiais doutros lugares; no caso de Galicia, sedas de Valencia, panos de Tarazona ou Béjar, veludo francés ou alemán, contas de cristal de Inglaterra, etc. As tramas utilizadas para tecer, os debuxos realizados, os cortes efectuados, as técnicas de costura eran e son tamén manifestación de usos, costumes e tradicións locais ou comarcais.

02 Marzo 2023
Eventos
Imaxes