"O GALIVERSO EMPEZA AQUÍ" chega á Casa de Galicia en Madrid

Eventos
06/27/2023
08/31/2023
27/06/2023 - 31/08/2023

"O GALIVERSO EMPEZA AQUÍ" chega á Casa de Galicia en Madrid

A través dunha lentes de realidade virtual, poderá gozarse de 12 experiencias que mostran o patrimonio cultural das catro provincias galegas.

"O Galiverso empeza aquí" é unha iniciativa da Xunta de Galicia que emprega as tecnoloxías inmersivas e de realidade virtual co obxectivo de mostrar o noso patrimonio material e inmaterial (artístico, industrial, arquitectónico, natural etc.) dunha maneira diferente. Sen saír da Casa de Galicia, poderedes viaxar en globo polo escarpado Canón do Sil, mirar A Coruña desde o alto desde a lanterna da Torre de Hércules ou descubrir o templo romano de Santalla de Bóveda, entre outras experiencias.

Hai lugares que só se poderán visitar entrando no Galiverso, como a Cripta do Apóstolo, —pechada ao público xeral na propia Catedral de Santiago— e outros que polas súas características ou localización non resultan fáciles para as persoas con dificultades de mobilidade, como os tellados da Catedral de Tui. O uso da realidade virtual facilita gozar deles dunha maneira única, accesible e respectuosa coa súa conservación.

"O Galiverso empeza aquí" é unha xanela aberta ao futuro Centro de Artes Dixitais de Galicia que permite ás  persoas visitantes participar deste camiño de creación dun centro pioneiro en España, e poñer en valor o potencial das nosas industrias culturais e creativas nas contornas virtuais.

12 experiencias

Na Casa de Galicia en Madrid poderán vivirse 12 experiencias diferentes de realidade virtual que percorren as catro provincias galegas:

  • O atardecer desde o Faro de Fisterra
  • O interior da lanterna da Torre de Hércules (A Coruña)
  • A cripta do Apóstolo en Santiago de Compostela
  • A muralla romana de Lugo
  • A torre de Xiá en San Paio de Narla (Lugo)
  • O templo romano subterráneo de Santalla de Bóveda (Mera, Lugo)
  • O interior dunha palloza en O Cebreiro (Lugo)
  • O Mosteiro de Santa María A Real de Oseira (San Cristovo de Cea, Ourense)
  • O caños do Sil entre as provincias de Ourense e Lugo
  • O Mosteiro de San Esteban de Ribas de Sil (Ourense)
  • Os tellados da Catedral de Tui (Pontevedra)

Acceso libre e gratuíto

O Galiverso está aberto na sala Emilia Pardo Bazán, de luns a venres en horario de tarde de 10.00 a 14.00 horas. A visita é gratuíta e non é necesario reservar praza.

A sala dispón dun posto individual co seu respectivo equipo de realidade virtual. Un mapa virtual de Galicia permite seleccionar as experiencias, que van acompañadas de textos e audios explicativos en galego, castelán e inglés.

A duración de cada sesión individual é duns 20 minutos máximo e durante a mesma poden vivirse unha ou varias das experiencias de realidade virtual ofertadas. O límite de tempo obedece tanto á intención de evitar a fatiga asociada cun uso máis prolongado das lentes de realidade virtual como de facilitar que o maior número de persoas poida acceder ao Galiverso.

27 Xuño 2023
-
Eventos
Imaxes