Presentación do libro "El puerto de La Coruña en El Camino Inglés a Santiago de Compostela", de ALFONSO GARCÍA
No acto de presentación acompañarán ao autor, Juan Serrano López, director da Casa de Galicia en Madrid; José Antonio Caínzos Fernández, delegado en Madrid da R. O. de Cabaleiros de María Pita; e Mª Luisa Muñoz, presidenta da Asociación de Amigos dos Camiños de Santiago en Madrid.
O libro revela a importancia que tiveron entre os séculos XI e XVI as peregrinacións marítimas a Santiago de Compostela desde os países do norte de Europa.
Para o porto da Coruña supuxeron un forte impulso, en pasaxeiros e movemento de mercadorías, a través das frotas dos cruzados, os navíos da Hansa e os buques que arribaban con regularidade desde o sur de Inglaterra, nos anos santos.
Outro aspecto que o autor trata é a importancia da tradición e a lenda no mundo xacobeo, dada a escasa documentación da época sobre a predicación do Apóstolo en España e a translación dos seus restos ao finisterrae entón coñecido.
O esquecido Camiño Inglés tamén foi parte importante na construción da idea de Europa, a súa cultura e modos de vida.