Novas exposicións na Casa de Galicia a partir do 3 de setembro
A exposición do pintor e escultor Joaquín Moldes abrirá o calendario de actividades da próxima temporada na Casa de Galicia. As súas obras, cheas de cor e expresividade, poderán visitarse desde o día 3 de setembro e durante todo o mes na sala Emilia Pardo Bazán.
As salas Álvaro Cunqueiro e Camilo José Cela acollerán a mostra fotográfica de Goyo González, un percorrido polo Camiño de Santiago francés en 360º. En total son 36 instantáneas circulares que este peregrino tomou entre Saint Jean Pied de Port ata Fisterra.
Ademais, os días 10 e 11 de setembro, a Casa de Galicia vístese de moda para acoller a presentación da nova colección de Coconutscankill, deseñada pola galega Amara Caruncho. É unha proposta inspirada no traxe rexional galego. Con esta actividade, a Casa de Galicia únese á programación de 'Madrid es Moda', organizada pola Asociación de Creadores de Moda de España e o Concello de Madrid.