A Casa de Galicia en Madrid acolle a presentación de 'El Palomar', un proxecto para dinamizar o rural a través da arquitectura

Notas de prensa
10/07/2026
10/07/2026
07/10/2026

A Casa de Galicia en Madrid acolle a presentación de 'El Palomar', un proxecto para dinamizar o rural a través da arquitectura

A Casa de Galicia en Madrid acolleu hoxe, no marco da Semana Internacional da Arquitectura 2026, a presentación do proxecto El Palomar, unha iniciativa da Fundación Roberto Rivas que propón utilizar a arquitectura, a recuperación do patrimonio e a innovación como ferramentas para xerar novas oportunidades no medio rural.


O proxecto parte da rehabilitación dunha antiga casa de labranza, na que se conservan a pedra e os elementos construtivos orixinais e se incorporan solucións de alta eficiencia enerxética, como a aerotermia e os paneis solares. O espazo concíbese como un nodo de conexión co territorio, o tecido empresarial e a sociedade, baixo principios de sustentabilidade, inclusión, estética e innovación aplicada.


Durante a súa intervención, o director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, destacou que El Palomar demostra que “non se trata unicamente de rehabilitar un edificio, senón de utilizar a arquitectura como unha ferramenta para activar un territorio”. Neste sentido, subliñou a importancia de recuperar o patrimonio e conservar a identidade ao tempo que se crean espazos para o emprendemento, a innovación, o encontro e o arraigo.


Ramos sinalou que iniciativas como esta permiten abordar o futuro do rural desde unha perspectiva baseada non só na loita contra o despoboamento, senón tamén na xeración de oportunidades e novas formas de vivir, traballar e emprender nos pobos. El Palomar articula a súa actividade en torno a catro eixes: o fortalecemento da comunidade local, o fomento das estadías e o arraigo rural, a posta en valor da cultura e da paisaxe e a creación dunha nova narrativa sobre o futuro do medio rural.


O responsable da institución agradeceu á Fundación Roberto Rivas que escollera a Casa de Galicia en Madrid para presentar este proxecto, destacando o papel da sede institucional da Xunta como “unha ventá de Galicia en Madrid” e como punto de encontro entre Galicia e o resto de España.

 

07 Outubro 2026
Notas de prensa
Imaxes