A Casa de Galicia en Madrid celebra o Día do Libro coa presentación de Los grandes vinos gallegos: originalidad e historia, de Xavier Castro

Notas de prensa
04/23/2026
04/23/2026
23/04/2026

A Casa de Galicia en Madrid celebra o Día do Libro coa presentación de Los grandes vinos gallegos: originalidad e historia, de Xavier Castro

A Casa de Galicia en Madrid acolleu hoxe, coincidindo coa celebración do Día do Libro, a presentación da obra Los grandes vinos gallegos: originalidad e historia, de Xavier Castro, nun acto que reuniu a destacadas figuras do ámbito cultural e gastronómico.

O encontro estivo presidido polo director da institución, Luis E. Ramos, quen deu a benvida aos asistentes e puxo en valor o papel da Casa de Galicia como espazo de promoción da cultura galega na capital de España. Neste sentido, lembrou que só no último ano acolleu a presentación dunha vintena de libros, consolidándose como un punto de referencia para a difusión da creación literaria galega.

Durante a súa intervención, destacou que esta obra permite facer “un percorrido polos nosos viños” a través das cinco denominacións de orixe de Galicia, poñendo en valor tanto a súa calidade como a súa singularidade histórica e cultural.

O acto contou tamén coa participación de Juan Ángel Vela, Cristina Alcalá e Ana Díaz, quen acompañaron ao autor nun diálogo arredor da riqueza vitivinícola galega.

Luis E. Ramos salientou ademais o papel do viño como fonte de riqueza e como atractivo turístico, destacando iniciativas impulsadas pola Xunta de Galicia como as rutas do viño ou o programa Primavera de Portas Abertas, que permite achegarse ao territorio, ás adegas e á cultura vitivinícola das distintas denominacións de orixe.

A presentación enmárcase no conxunto de actividades que desenvolve a Casa de Galicia en Madrid para reforzar o seu compromiso coa difusión da literatura e da cultura galegas.

23 Abril 2026
Notas de prensa
Imaxes