A Casa de Galicia en Madrid presenta o libro "Barcelona-Galicia", de Isabel García Díaz
A Casa de Galicia en Madrid acolleu esta tarde a presentación do libro Barcelona-Galicia, da autora Isabel García Díaz, unha obra centrada nos vínculos históricos, sociais e culturais existentes entre Galicia e Cataluña.
Durante o acto, o director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, puxo en valor a importante presenza da colectividade galega en Cataluña, así como a estreita relación que mantén coa Xunta de Galicia a través das distintas entidades e centros galegos asentados neste territorio.
Neste sentido, destacou o peso da comunidade galega residente en Cataluña e a relevancia dos lazos humanos e culturais construídos ao longo de décadas entre ambos territorios, subliñando a contribución da emigración galega ao desenvolvemento económico, social e cultural.
Luis E. Ramos referiuse tamén á importancia de Cataluña como mercado emisor de visitantes para Galicia, lembrando que o turismo procedente desta comunidade representa o 6,6 % do turismo nacional que recibe Galicia.
O director salientou ademais o papel da cultura e da literatura como ferramentas para fortalecer os vínculos entre territorios e preservar a memoria colectiva das comunidades galegas fóra de Galicia.