A Casa de Galicia en Madrid presenta o libro "De la Habana ha venido un Barco", de Marita de la Figuera
O director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, presidiu a presentación do libro De la Habana ha venido un Barco, de Marita de la Figuera. Un acto que uniu literatura e historia na representación institucional da Xunta na capital.
Durante a presentación, Luis E. Ramos puxo en valor a oportunidade de acoller a presentación dunha obra “que afonda nun período clave da historia de Galicia, marcado pola emigración de finais do século XIX e comezos do XX”. Ramos fixo referencia tamén ao carácter de ida e volta da emigración galega, destacando que "moitos daqueles emigrantes regresaron e, nun exercicio de xenerosidade, decidiron construír escolas en Galicia”, contribuíndo ao progreso social e educativo do país.
De la Habana ha venido un barco propón unha viaxe literaria a través da experiencia emigrante galega, encarnada na figura do protagonista, Moucho, e na de tantos homes e mulleres que se viron obrigados a cruzar o Atlántico en busca dun futuro mellor. Un fenómeno que forma parte da memoria colectiva de Galicia e que tivo tamén o seu reflexo no retorno de moitos emigrantes, cuxo compromiso coa terra de orixe se materializou en iniciativas de carácter social e educativo, como a construción de escolas e infraestruturas.
Con esta presentación, a Casa de Galicia en Madrid continúa a súa programación cultural centrada na posta en valor da creación literaria e da memoria histórica, reforzando o seu papel como espazo de difusión da cultura galega na capital do país.