A Casa de Galicia exerce de anfitrioa da Paisaxe da Luz

Notas de prensa
06/29/2026
06/29/2026
29/06/2026

A Casa de Galicia exerce de anfitrioa da Paisaxe da Luz

A Casa de Galicia en Madrid converteuse hoxe no punto de encontro entre os representantes das diferentes institucións situadas no Barrio dos Jerónimos con motivo da presentación do caderno de debuxos Arquitectura residencial do barrio dos Jerónimos. Paisaxe da Luz de Madrid, unha obra do arquitecto do Estado xa retirado José María Plaza Escrivá.

No encontro participou o director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, xunto con representantes das distintas institucións asentadas neste emblemático enclave madrileño, declarado Patrimonio Mundial pola UNESCO como parte da Paisaxe da Luz. Entre os invitados estiveron o embaixador de Letonia, Janis Zlamets; a concelleira presidenta do distrito Retiro, Andrea Levy; o director do Museo Naval, Juan Escrigas Rodríguez; o subdirector do Museo Nacional de Artes Decorativas, Félix de la Fuente Andrés; a directora do Xardín Botánico, María Paz Martín Esteban; e o párroco da Igrexa dos Jerónimos, Alfonso Lozano Lozano, entre outros.

Durante o acto, José María Plaza Escrivá presentou unha selección de debuxos que poñen en valor a riqueza arquitectónica residencial do Barrio dos Jerónimos, ofrecendo unha mirada artística e documental sobre un dos conxuntos urbanos máis representativos da capital. O cartafol constitúe un percorrido por edificios singulares que forman parte da identidade histórica e cultural da contorna.

A reunión serviu tamén para reforzar os lazos de colaboración e convivencia entre as institucións que comparten este espazo, favorecendo o intercambio de iniciativas orientadas á difusión e conservación do seu patrimonio común.

A Casa de Galicia en Madrid ocupa desde 1992 o histórico Palacio de Amezúa, un edificio de arquitectura ecléctica construído na década de 1920 e situado en pleno Barrio dos Jerónimos, dentro da denominada Paisaxe da Luz, declarado Patrimonio Mundial pola UNESCO. Desde a súa inauguración como sede institucional da Xunta de Galicia, consolidouse como un espazo de referencia para a promoción de Galicia na capital, acollendo actividades de carácter cultural, institucional, turístico e económico.

A súa localización, na contorna do Triángulo Cultural de Madrid e xunto a algunhas das principais institucións culturais do país, favoreceu unha estreita relación de colaboración coas entidades asentadas no Barrio dos Jerónimos. Neste contexto, a Casa de Galicia participa activamente en iniciativas que contribúen a difundir e preservar o patrimonio histórico, artístico e arquitectónico deste enclave singular, á vez que proxecta a imaxe de Galicia como unha comunidade comprometida coa cultura e a cooperación institucional.

29 Xuño 2026
Notas de prensa
Imaxes