A Casa de Galicia presenta un novo proxecto turístico no concello de Lalín
A Casa de Galicia en Madrid acolleu hoxe o acto de presentación do proxecto Huttopia. Camiños de Galicia, unha iniciativa de turismo sostible. O encontro, celebrado na antesala da Feira Internacional de Turismo FITUR 2026, serviu para poñer en valor a relevancia estratéxica do turismo para Galicia, un sector que representa máis do 10 % do produto interior bruto galego.
O director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, destacou que “FITUR é o gran escaparate dun sector clave para Galicia” e subliñou que a proposta turística galega “late con forza dende o máis fondo do seu corazón”. Neste sentido, sinalou Lalín como espazo simbólico, “o quilómetro cero dunha comunidade autónoma que é un auténtico universo por descubrir”, onde conflúen natureza, patrimonio, gastronomía e espírito emprendedor.
A filosofía do proxecto Huttopia está aliñada coa aposta da Xunta de Galicia por un modelo turístico responsable, vencellado ao territorio e ao respecto pola contorna, capaz de ofrecer experiencias auténticas en contacto coa natureza e cos valores culturais asociados aos Camiños de Santiago.
O acto comezou cun minuto de silencio “como mostra de afecto e solidariedade coas vítimas e as familias afectadas polo accidente ferroviario na localidade de Aramuz”.