O director da Casa de Galicia destaca o compromiso da Xunta co emprendemento de impacto positivo e coa dinamización do rural

Notas de prensa
03/13/2026
03/13/2026
13/03/2026

O director da Casa de Galicia destaca o compromiso da Xunta co emprendemento de impacto positivo e coa dinamización do rural

Luis E. Ramos subliñou que a estratexia Ultreia Galicia e a Rede de Polos de Emprendemento impulsan iniciativas capaces de xerar riqueza, emprego e cohesión territorial

O director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, participou esta tarde na presentación do documental Si gana el impacto positivo, ganamos todos, acto que marca o inicio da nova edición da Impact Social Cup, unha iniciativa orientada a impulsar proxectos emprendedores con impacto social e ambiental.

Durante a súa intervención, Ramos amosou o apoio da Xunta de Galicia a este tipo de iniciativas que promoven un emprendemento comprometido coa sociedade. “A Xunta de Galicia comparte o obxectivo de impulsar iniciativas que teñan un impacto positivo na nosa terra, apoiando proxectos e empresas e conectando a universidade cos emprendedores para transformar e mellorar a nosa realidade económica e social”, sinalou.

Neste sentido, destacou tamén a celebración, nas vindeiras semanas, dun campus vinculado a este proxecto nos concellos de San Xoán de Río e A Pobra de Trives, unha actividade que contribuirá a fortalecer o ecosistema emprendedor no rural galego.

O director da representación institucional do goberno galego lembrou ademais o éxito do proxecto Aldealista, gañador da gran final da edición anterior, e puxo en valor o seu obxectivo de revitalizar o rural e contribuír á fixación de poboación nestes territorios.

Aposta da Xunta polo emprendemento e o territorio

Durante o acto, Ramos explicou que a Xunta de Galicia desenvolve unha estratexia de apoio ao emprendemento plenamente aliñada cos valores de transformación e impacto social que promove esta iniciativa. Referiuse así ao modelo Ultreia Galicia, impulsado pola Xunta de Galicia, que fomenta un emprendemento ligado ao territorio e baseado no talento local e nos recursos máis próximos.

Segundo destacou, este modelo busca xerar impacto económico, social e ambiental ao tempo que contribúe ao equilibrio territorial, impulsando unha Galicia máis innovadora, colaborativa e sostible.

O director da Casa de Galicia puxo tamén o foco nas oportunidades que ofrece Galicia en sectores estratéxicos vinculados ao campo e ao mar, aos recursos naturais e tamén ao comercio e ao turismo, especialmente ante a proximidade do Xacobeo 2027.

Rede de apoio ao emprendemento

Ramos salientou igualmente o papel da Rede de Polos de Emprendemento, unha iniciativa creada para acompañar ás persoas emprendedoras no desenvolvemento dos seus proxectos. Desde a súa creación, hai menos de catro anos, estes polos asesoraron máis de 5.800 iniciativas e contribuíron ao nacemento de máis de 550 empresas.

Esta rede permite ofrecer asesoramento especializado tendo en conta as características de cada territorio e fomentando iniciativas que xeren valor social e económico desde o ámbito local.

Para rematar, Luis E. Ramos animou aos emprendedores a aproveitar as oportunidades que ofrece Galicia e reiterou o compromiso da Administración autonómica co desenvolvemento de proxectos transformadores. “A Xunta de Galicia está disposta a acompañarvos neste camiño e a apoiarvos na procura dun impacto social positivo”, concluíu.

13 Marzo 2026
Notas de prensa
Imaxes