O escritor Vicente Araguas presenta o seu último libro "Basilio de Brito ha vuelto a Lisboa"
Onte, 17 de novembro de 2021, a Casa de Galicia en Madrid acolleu o acto de presentación do libro Basilio de Brito ha vuelto a Lisboa, un longo poema do escritor, profesor, poeta e crítico literario Vicente Araguas, natural de Xuvia-Neda, Ferrol (A Coruña), en cuxos versos cambiou o destino dos protagonistas da novela El primo Basilio, de Eça de Queirós, especialmente de Luisa, quen, como o resto das heroínas da narrativa decimonónica de adulterio feminino (un pleonasmo, como ben sinala), estaba abocada á morte. Morte física, como no seu caso, ou morte en vida, noutros.
Como experto nestas obras literarias (Ana Karenina, Madame Bovary, La Regenta) sobre as que impartiu cursos, e admirador en particular de Eça de Queirós e do seu monumental “El primo Basilio”, da que está a preparar unha nova tradución para a editorial Sial-Pigmalión, que é onde publicou a obra que agora se presenta, Vicente Araguas ofrece a Luisa unha nova oportunidade nuns grandes almacéns de Lisboa no seu intento de salvala do hado fatal. Loable empeño, como observou o coordinador de actividades da Delegación, Ramón Jiménez, nas súas palabras de benvida ao público asistente, pois “da morte e da sorte ninguén escapa”, engadiu citando ao escritor dominicano Juan Bosch, e menos no veciño país de Portugal, o melancólico país do fado. Ninguén escapa salvo nas obras literarias, nas que o autor, como auténtico demiurgo, pode transformar ao seu antollo o destino dos personaxes.
De Vicente Araguas resaltou tamén a súa vinculación á Casa de Galicia en Madrid, na que desde hai anos participou en numerosas actividades culturais, de entre as que habería que destacar os ciclos de poesía que coordinou denominados “Estacións poéticas”, que, dada a calidade dos intervenientes neles, converteron durante o tempo da súa celebración a sala de actividades da Casa nun auténtico “salón literario de primeiro orden”. Para un deles, falecido precisamente onte, Darío Xohán Cabana, tivo Vicente unhas palabras de recordo na súa quenda de palabra, cheo como sempre de sabedoría literaria, enxeño e amenidade.
Por parte da editorial, foi Verónica Vilaverde, responsable da edición deste Basilio de Brito ha vuelto a Lisboa xunto a outro Basilio, neste caso Rodríguez Cañada, presidente do Grupo Editorial, quen fixo o eloxio do libro, o quinto da obra poética en castelán de Vicente Araguas.